Inaugúrase a décima edición do Salón da prevención e seguridade laboral en Ourense

Inauguración de Previsel
A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, inaugurou hoxe a décima edición do Salón da prevención e seguridade laboral (Previsel) en Ourense. Na súa intervención incidiu na necesidade de loitar contra a sinistralidade laboral no sector primario.
Segundo indicou Bouso, “en Galicia, os riscos laborais e a súa prevención na agricultura e na gandería son importantes porque se trata dun sector moi importante histórica, económica e socialmente e, en concreto, no caso dos traballos nas viñas -que un dos sectores de maior dinamización económica en Ourense-, polo feito de que se faga en condicións difíciles polo abrupto do terreo”.
Pola súa banda, o ISSGA participará en PREVISEL cun stand informativo coas distintas campañas formativas, divulgativas e de sensibilización desenvoltas polo instituto, así como as publicacións editadas sobre diversos temas de seguridade e saúde laboral.
Coa súa presenza neste tipo de encontros, pretende contribuír á tarefa colectiva da prevención de riscos e concienciar á poboación traballadora sobre a importancia da mesma, coa finalidade de impulsar unha auténtica cultura da prevención.
Ademais, o ISSGA organizará dous obradoiros. O primeiro, tivo lugar hoxe ás 12,00 horas para os traballadores do sector vitícola e o segundo será mañá, tamén ás 12,00 horas, centrado no sector do granito.











