Iberia conectará o aeroporto da Coruña con París e Valencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+
Europa Press
Carlos Negreira na reunión cos representantes de Iberia

Carlos Negreira na reunión cos representantes de Iberia

A compañía aérea Iberia conectará o aeroporto da Coruña coas cidades de París e Valencia, e reforzará as frecuencias con Madrid, segundo informaron este xoves representantes da aerolínea e do Concello da Coruña, que deron a coñecer as novas rutas que se incorporarán en Alvedro.

En rolda de prensa, o director de vendas de Iberia, Víctor Moneo, acompañado por responsables municipais, destacou que este incremento da oferta da aerolínea en Alvedro é “moi relevante”, xa que suporá un aumento da oferta de Iberia no aeroporto coruñés dun 16 por cento.

Así, Iberia conectará A Coruña co aeroporto de Orly, na capital francesa, cun voo semanal que comezará a operar a partir do 31 de marzo. Os billetes xa están á venda e a compañía ofrece “tarifas de arranque” para esta conexión por menos de 140 euros, segundo comentou Moneo.

En canto á ruta con Valencia, Iberia ofrecerá dous voos semanais a partir do 27 de outubro e, ao igual que coa conexión coa capital francesa, tamén esperan lanzar “ofertas” de arranque para esta nova ruta.

Por outro lado, a aerolínea “reforzará” a conexión con Madrid. Para iso, ademais de empregar avións de maior capacidade, consolidará a ruta con cinco conexións diarias de luns a venres, dous os sábados e tres os domingos. Ademais, dende novembro, contará con dúas frecuencias máis por semana: os martes e os xoves.

ACORDO DE PROMOCIÓN

Xunto a esta nova oferta de voos, a compañía aérea e o Concello da Coruña asinaron un acordo de promoción, polo que Iberia se compromete a dar “visibilidade” á cidade herculina a través de diferentes accións, como a súa presenza na web da compañía ou reportaxes na súa revista oficial. Tamén terá presenza nas redes sociais da aerolínea e nos videos proxectados a bordo, segundo comentou o director de vendas de Iberia.

Para o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, as novas rutas “consolidan” a presenza da compañía aérea no aeroporto de Alvedro e cre que o acordo de promoción permitirá que a cidade coruñesa “estea visible” para ter “máis turismo”. “Imos polo bo camiño”, proclamou.

5 de febreiro de 2015 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.