publicidade hoxe

Hernández inaugurou na vila lucense de Portomarín a rúa Compostela

Agustín Hernández na inauguración da rúa

Agustín Hernández na inauguración da rúa

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou a rúa Compostela en Portomarín, acompañado do rexedor desta vila lucense, Juan Serrano. Agustín Hernández expresou a súa admiración cara Portomarín, vila que “conserva a súa vitalidade e mantén na súa nova traza urbana a raíz do seu pasado esplendor”, plasmado nuns monumentos que a fixeron acredora, hai preto de 70 anos da cualificación de Conxunto Histórico Artístico.

Lembrou tamén a vinculación de Portomarín con Compostela a través do Camiño de Santiago, servindo como punto de referencia, parada e fonda dende hai séculos. Segundo o alcalde, “esta arteria cultural, que nos conecta, e que ao longo dos tempos nos vén dando vida, axudou a construír unha relación moi especial non só para os miles de peregrinos que ela transitan, senón tamén para os veciños e a veciñas das dúas cidades, que sempre viviron e viven con intensidade a transcendencia dun camiño común, que nos fixo medrar e fortalecer os lazos de irmandade”.

Así, apuntou Agustín Hernández, “Santiago mantén unha estreita relación con Portomarín como un dos principais enclaves do Camiño Francés, por onde se salva o río máis longo de Galicia, pouco despois de percorrer os últimos 100 quilómetros que permiten facerse coa Compostela”.

Dende hai décadas, unha rúa de Santiago, no barrio da Pontepedriña, á entrada da cidade dende Ourense, leva o nome de Portomarín. Dende este día, esta vila dedica tamén unha das súas rúas a Compostela.

“As rúas son a base dun pobo, onde se afirman os seus pasos e se gardan as súa lembranzas”, afirmou o alcalde, que agradeceu en nome dos veciños e veciñas de Santiago a deferencia do Concello de Portomarín, facendo que “Compostela teña un lugar na memoria deste pobo que de forma tan admirable conservou a súa”.

“Sen dúbida, é unha fermosa maneira de manter acesa a lembranza e a cordial relación de fraternidade que ao longo de séculos se veu fraguando e que co Camiño de Santiago como guía seguiremos reforzando e engrandecendo para o ben dos nosos veciños e de Galicia enteira”, engadiu, reiterando o “orgullo” que, para Santiago, é “pasar a formar parte da vida diaria e do futuro dun concello exemplar, ao que nos une unha longa historia”.

26 de febreiro de 2015 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.