Hernández considera que o caso do Códice serviu para mellorar a protección da Catedral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, definiu como “un episodio lamentable e negro” o caso do roubo do Códice Calixtino aínda que considerou que “serviu” para que se “tomasen medidas” e se “rompese cunha inercia” derivada dunha “falta de profesionalidade, coidado e rigor”.

“Creo que agora rompeu con esas prácticas e non teño dúbida de que o novo deán e a situación da Catedral é absolutamente distinta”, asegurou o rexedor da capital galega nunha entrevista concedida á Radio Galega.

Na súa intervención, tamén se referiu ás próximas eleccións electorais e avanzou que presentará unha candidatura “aberta, pensada no interese xeral da cidade”. “Non necesariamente estará conformada unicamente por militantes do PP aínda que, loxicamente, maioritariamente os militantes a conformarán”, desvelou.

Preguntado polos edís que abandonaron o Concello a raíz da ‘Operación Pokémon’, Hernández recoñeceu que “o PP cometeu erros”. “Creo que o importante para os cidadáns é reflexionar que agora o PP colleu o touro polos cornos e puxo un equipo vinculado e comprometido coa xestión da cidade”, sinalou.

XESTIÓN AEROPORTUARIA

Na entrevista, o rexedor tamén se referiu á polémica sobre a xestión aeroportuaria en Galicia. Ao respecto, Hernández denunciou que o “localismo” é un “problema en Galicia” que “moitas veces” é “azuzado de forma irresponsable” por “determinados políticos”.

Con todo, defendeu o criterio de AENA de que Santiago ten o aeroporto central de Galicia, con vocación dos tráficos e enlaces internacionais.

FUSIÓN DE MUNICIPIOS

De cara ao futuro, Hernández non descarta unha fusión de Santiago con outros municipios da bisbarra como Teo ou Ames aínda que, polo momento, apostou por seguir traballando na concentración e coordinación de servizos. “Por que non a medio prazo formular algún tipo de unión”, sinalou.

Sobre esta cuestión, puxo como exemplo o impuxo que dado ao transporte metropolitano durante a súa etapa á fronte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infrestestuturas.

22 de febreiro de 2015 | 20:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.