publicidade hoxe

Gran papel do equipo de regatas do Rodeira no Campionato Galego de Optimist

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasSanxenxo
A-
A+
Naútico Rodeira, equipo Optimist

Naútico Rodeira, equipo Optimist

O pasado sábado comezou o Campionato Galego da clase Optimist organizado polo Real Club Náutico de Sanxenxo. A regata estivo marcada na súa primeira xornada por unhas condicións moi duras para todos os deportistas con refachos de preto de 30 nós. Debido a estas condicións o comité de regatas decidiu que só sairían a navegar o grupo amarelo, composto polos deportistas con máis nivel e máis experimentados da frota, deixando a 76 nenos en terra. Con estas condicións tiveron lugar 3 mangas nas cales houbo constantes abandonos tomando a última saída 36 dos 54 barcos que inicialmente estaban na auga.

O domingo deparou unhas condicións máis amables que permitiron disputar 4 mangas para cada grupo (amarelo e azul) para dar paso ao luns onde a ausencia de vento impediu a celebración de máis probas.

Os resultados dos 10 regatistas do Náutico Rodeira desprazados á cita pecharon un grandísimo papel, mostrando unha gran melloría respecto da mesma regata do ano anterior. De entre todos destacan Clara Rodríguez Trillo que quedo 6ª no grupo azul o que lle vale para ascender no ranking galego ao grupo amarelo e Pablo Rodríguez Trillo que quedo 2º en categoría C, quedando 4º o seu compañeiro de equipo Lucas Jiménez. No grupo amarelo destacou Víctor González que a pesar de non ter a súa regata segue mantendo intactas as súas posibilidades de clasificarse e formar parte do equipo galego na Copa de España que terá lugar en abril en augas de Vilagarcía de Arousa.

O adestrador do equipo Andrés Jiménez mostrábase satisfeito coa evolución dos deportistas e cos resultados obtidos: “En xeral non foi unha regata fácil, viuse plasmado na auga o duro traballo realizado durante o nadal en bos parciais e melloras grandes en canto ao rendemento xeral de todos os nosos deportistas. Seguimos fallando no saídas pero é algo normal, temos pouca experiencia en regatas comparado con moitos dos nosos competidores e iso nótase, pero confiamos en mellorar na próxima regata. As últimas incorporacións que debutaban nesta regata como Gabriel e Marcos fixérono moi ben e van gañando experiencia. Agora toca traballar duro e corrixir erros de cara á próxima cita clasificatoria” -destacou o técnico- “o obxectivo é que os nosos deportistas sigan ascendendo no ranking como até agora. Temos deportistas moi novos que sen dúbida darán ao club moitos triunfos e alegrías” – rematou.

18 de febreiro de 2015 | 11:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.