Gran éxito éxito de participación nos obradoiros de Entroido da Laracha
As diferentes propostas organizados e postas en marcha durante o Entroido polo Concello da Laracha e os alumnos-traballadores e persoal docente do obradoiro “A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego II” están a ser un rotundo éxito.
Esta mañá desenvolveuse no baixo da biblioteca municipal da Laracha o obradoiro de globoflexia e maquillaxe titulado Cámbiame ese carteo, no que se cubriron por completo as trinta prazas dispoñibles para nenos maiores de tres anos de idade.
Hoxe pola tarde, a partir das 17:00 horas, terá lugar o obradoiro de carteiras cómic Forra os teus aforros, neste caso dirixido a nenos a partir dos oito anos de idade.
O pasado luns realizouse a actividade Caretarízate, na que unha trintena de rapaces maiores de seis anos elaboraron as súas propias caretas e disfraces.
En todos os casos a inscrición foi gratuíta para os participantes. Con estas iniciativas alcanzouse o dobre obxectivo de ofertar propostas para os nenos durante as festas do Entroido –facilitando tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais- e completar a formación e as prácticas dos alumnos-traballadores dos módulos de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil e de operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas do obradoiro “A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego II”.











