Galicia acollerá dez probas do calendario nacional de piragüismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Verducido, Pontevedra, Mondariz, ou Barco, Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), e A Malata (Ferrol) serán os escenarios das competicións. A Copa de España de 200 e 500 metros, o Campionato de España de sprint olímpico e o de maratón serán algúns dos puntos de interese máis importantes da campaña. Ademais, na Malata (Ferrol) terán lugar catro probas de kaiak polo. Por outro lado, o próximo día vinte disputarase en Verducido o control selectivo para conformar os equipos nacionais para o Campionato de Europa e do Mundo en Milán (Italia).

A Liga Nacional de Pista Hernando Calleja terá dúas citas importantes en Verducido. Os días 30 e 31 de maio disputarase a Copa de España de 200 e 500 metros e entre o 10 e o 12 de xuño o Campionato de España de sprint olímpico. Serán as dúas últimas probas desta prestixiosa liga, polo que resultarán decisivas.

O Campionato de España de inverno, os días 21 e 22 de marzo, disputarase en Sevilla, como é tradicional nos últimos anos, e a Copa de España de 1.000 metros os días 18 e 19 de abril en Trasona (Asturias).

Antes, o próximo día 20 do presente mes de febreiro, Verducido acollerá o control selectivo para o Campionato do Mundo e de Europa do presente ano. Disputarase sobre as distancias de 1.000, 500 e 200 metros nas modalidades de K-1, K-2, C-1 e C-2.

Outra das probas máis atractivas da tempada terá como escenario o río Lérez, en Pontevedra, os días 16 e 17 de maio. Será o Campionato de España de maratón, unha regata de grande importancia para os padexeiros xa que poden lograr unha praza para as competicións internacionais. Os padexeiros galegos, como é algo habitual nas últimas tempadas, parten como favoritos en todas as modalidades e categorías.

O calendario de probas nacionais complétase coa Copa de España de slálom olímpico que volverá celebrarse en Mondariz os días 21 e 22 de marzo. O Barco será a sede dunha proba da Copa de España de augas bravas e en Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) disputarase unha regata da Copa de España de kaiak de mar o día 20 de xuño.

Tamén se disputarán catro xornadas da liga de kaiak polo. Todas elas se disputarán en Ferrol. Serán nas categorías de Primeira División Absoluta Masculina (6-7 de xuño), Primeira División Feminina (4-5 de xullo), Primeira División sub-21 Masculina (20-21 de xullo) e Primeira División sub-16 (20-21 de xuño).

Regatas nacionais en Galicia

Copa de España 200 e 500 30-31 maio Verducido
Campionato de España de sprint olímpico 10-11-12 xullo Verducido
Campionato de España de maratón 16-17 maio Pontevedra
Copa de España de slálom olímpico 21-21 marzo Mondariz
Copa de España kaiak de marzo 20 xuño Santa Cristina de Cobres (Vilaboa)
Copa de España de augas bravas 23-24 maio O Barco

Kaiak polo

Primeira División absoluta masculina 6-7 xuño A Malata (Ferrol)
Primeira División feminina 4-5 xullo A Malata (Ferrol)
Primeira División sub-21 masculina 20-21 xullo A Malata (Ferrol)
Primeira División sub-16 20-21 xuño A Malata (Ferrol)

9 de febreiro de 2015 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.