Francisco Domínguez cre que Castiñeiras puido subtraer diñeiro antes da contabilización
Francisco Domínguez, administrador xeral da Catedral de Santiago, asegurou este martes que as cantidades reflectidas nas libretas de José Manuel Fernández Castiñeiras están por enriba en ocasións das faltas de fondos anotadas pola Catedral porque o exelectricista puido subtraer diñeiro “antes da súa contabilización”.
Domínguez compareceu nos xulgados de Fontiñas para defender un informe pericial achegado pola acusación á causa polo roubo do Códice Calixtino no que se recolle o diñeiro que a basílica compostelana denuncia como roubado.
O informe realizado por Francisco Domínguez abrangue os datos da contabilidade da Catedral dende a posta en marcha do sistema informático, en 2002, e ata 2012. Neste período, destaca especialmente a falta de 300.000 euros anotada en 2005 e un descadre de 700.000 euros en 2007.
Non obstante, o administrador recoñeceu que, polo volume de fondos e a falta de documentación, este montante non se fundamentou nun conteo, algo que si se fixo meses despois e permitiu sumar a esta cantidade 125.000 euros menos.
“Por contabilidade aparecía un saldo elevado en caixa e, non obstante, pola percepción física do conteo víase que non podía haber ese diñeiro”, indicou o perito, quen mencionou a presenza de numerosos billetes de cinco e 10 euros.
ANTES DE CONTALOS
A Fiscalía apuntou ademais cara a cifras en concreto, como as referidas ao mes de xullo de 2005. Neste mes, indicou, as cantidades anotadas como ‘subtraídas’ na contabilidade catedralicia son “inferiores” ás supostamente apuntadas nos cadernos de Castiñeiras.
Sobre esta cuestión, Francisco Domínguez indicou que no seu informe “só figura o diñeiro unha vez contado” e estimou que Fernández Castiñeiras puido levarse diñeiro “antes da contabilización” e mesmo directamente “dos cepillos”.
Durante a súa intervención ante o tribunal, o perito asegurou ademais que entre 2002 e 2004 se realizaron 71 pagamentos a Fernández Castiñeiras por parte da Catedral, ata os 32.046,13 euros.
NINGÚN DESCADRE MÁIS
Dende a súa chegada á administración, Francisco Domínguez asegurou que non volveu faltar diñeiro. “Non se produciu absolutamente ningún descadre máis”, narrou.
Este licenciado en Económicas recordou que a administración económica da Catedral a leva agora “xente profesional”, o administrador -el mesmo -, un encargado de tesouraría e un contable “con dedicación exclusiva á Catedral”.
Ademais, tras recordar que “non é habitual” facer arqueos de caixa “con tan pouca frecuencia” como anteriormente, o experto garantiu que se fan arqueos “semanalmente” e en tempada alta “cada tres ou catro días”.
Finalmente, fronte ás enormes cantidades de diñeiro en efectivo que manexaba en aquel momento a basílica, Domínguez afirmou que as cifras actuais en caixa son “ridículas” e roldan os 1.500 euros.
AFORROS DE CASTIÑEIRAS
Na novena sesión do xuízo, que se celebra na Audiencia Provincial de A Coruña con sede en Santiago, interveu tamén un perito industrial, chamado pola defensa, para analizar os posibles aforros do principal acusado derivados do seu traballo.
A convocatoria deste perito súmase así aos testemuños solicitados tamén pola avogada defensora, Carmen Ventoso, en xornadas anteriores, cos que pretende acreditar que as grandes cantidades de diñeiro incautadas na vivenda de Castiñeiras son froito do seu traballo e do da súa muller.
En sede xudicial, o perito estimou que Fernández Castiñeiras podería aforrar durante a súa vida laboral ata 1,9 millóns de euros antes de impostos en caso de “xestionar” os seus ingresos cunha “taxa de rendibilidade alcanzable a calquera aforrador”, isto é “reinvertendo” os seus ingresos.
Non obstante, este perito recoñeceu, a preguntas das partes, que estes datos supoñen unha “estimación” baseada en datos reais de unicamente cinco anos -entre 1985 e 1986- e tranladándolos ata a actualidade coa condición de “inverter” eses aforros.
A preguntas da defensa, o perito explicou que Fernández Castiñeiras tiña nas nóminas dos anos 80 un salario “alto”, de en torno ás 25.000 pesetas e unha clientela “moi variada”.
Ademais, no seu cálculo utilizou facturas de compra de material eléctrico, coas que conseguiu “documentar” un “desconto medio do 38 por cento” na adquisición de material por pare dos subministradores, un desconto que non se adoita trasladar “ao cliente” e co que, polo tanto, gaña diñeiro”.
EXTRAPOLADO
A preguntas do fiscal, o perito precisou que o cálculo se realizou tendo en conta facturas e datos anotados polo propio Castiñeiras do seu traballo entre 1981 e 1986 e “extrapoláronse” os datos ata a actualidade estimando os gastos que podería ter neste período.
“Fixen un cálculo conservador en todo momento”, indicou o perito, que estimou gastos como asesoría, vehículo ou seguro, que son “correntes” pero dos que non dispón de documentación, e contou cunha inversión dos fondos. “Se o diñeiro se capitalizou ou non, eu non o se; a mi fáiseme esa pregunta e así o hei posto, cos datos que se me facilitaron”, destacou o experto.
Sen ter en conta os impostos, os cálculos deste perito establecen que Fernández Castiñeiras podería dispoñer de 1,97 millóns de euros se se “xestionase” a contía e se “capitalizase”, e de algo máis de 750.000 euros “se non se colocou ben”.











