Fran Cárdenas: “A nosa xente poderá demostrar por que é a mellor afección”
O Rio Natura Monbus Obradoiro empeza a semana de preparación do partido ante o FIATC Joventut (sábado, 20.00 horas), encontro no que Sar se encherá tamén de solidariedade grazas á “Operación Quilo” organizada polas peñas do club.
Coa visita dun dos equipos revelación da tempada e que vén de ter unha grande actuación na Copa do Rei, os xogadores queren “ter todo o apoio posible dos nosos”, como afirma Fran Cárdenas. “Volvemos con enerxías renovadas tras esta semana máis descansada, e esperamos que os nosos afeccionados tamén volvan con moitas ganas de ver bo baloncesto en Sar e de ser parte del”, declarou o onubense.
“Ademais, coa iniciativa da Operación Quilo nosa xente poderá demostrar que non só é a mellor afección dende o asento, senón tamén axudando a quen máis o necesita”, dixo o xoven director de xogo. A Cruz Vermella quen se encargará da repartición prioriza nesta ocasión a recollida de aceite, leite, cacao en po ou conservas, ao ser os produtos dos que menos existencias ten neste momento. “Eu teño preparado na casa xa o meu granito de area á causa”, confesou Cárdenas.
Como aliciente para esta cita solidaria, quen leve a súa achega de alimentos ás oficinas do club poderá comprar entradas a 9 euros para a cita. Quen prefira colaborar o propio sábado no vestíbulo de entrada, será obsequiado cunha rifa para o sorteo dun Balón Obra asinado, a última camiseta obradoirista de Levon Kendall e un pantalón da equipación oficial de xogo. Ademais, a rifa dá acceso a unha promoción exclusiva durante o partido na Miudiño Store: o Gorro Basic Obra por tan só 6 euros.
Os prezos xerais, por outra parte, son de 19 euros en Fondos ou Tribunas 2, 24 euros en Tribunas 1 e 29 euros en Tribunas Retráctiles, aínda que os xa aboados do club poden nesta ocasión comprar entradas a Prezo Reducido: 15 euros en Fondos e Tribunas 2 e 19 euros en Tribunas 1.











