Fotografías con mensaxe, baile, volei e teatro na oferta de lecer de San Sadurniño
Este sábado e mailo domingo temos onde escoller para encher parte do noso tempo libre. O sábado a casa do Concello acollerá a presentación da exposición “Fútbol que fala” e pouco despois poderemos asistir a un apaixoante encontro entre o Aldebarán e o Boiro. Ademais, ese mesmo día, a A.VV. O Castelo e Os Cempés volven propoñernos un obradoiro de “Baile 100%” no local social da Veiga. A oferta de lecer pecha con teatro o domingo á tarde na Casa da Cultura.
A mostra “Fútbol que fala” está formada por 20 fotografías realizadas polo fotógrafo Gabriel Tizón en diferentes países de África e comentadas por 17 nenas e nenos de San Sadurniño co ánimo de sensibilizar e unir a rapazada de Galicia e África. As fotografías están expostas na galería da Casa do Concello xunto con tres pantallas onde se poden escoitar as impresións dos nenos e nenas á vez que se ven as fotografías.
Nesta novidosa exposición impulsada pola Aula CeMIT e polo propio Tizón colaboran o Club de Fútbol San Sadurniño e o departamento de Igualdade a través do programa Aldea de Verán. A mostra presentarase ás 19 h. deste sábado no salón de plenos coa asistencia tanto dos nenos e nenas que comentan as fotografías como do fotógrafo que percorreu Arxelia, Senegal, Guinea Bissau e Gambia para retratar a ilusión -e tamén a pobreza- coa que os rapaces e rapazas daqueles países gozan do fútbol.
Mentres se presenta a exposición, en Naraío xa levarán un bo anaco aprendendo a bailar ao son dos Cempés. ás 17.30h. comezará no local social da Veiga unha nova edición do Baile 100%, no o grupo nos ensinará bailes agarrados, soltos e en roda moi divertidos e doados de aprender. Pasodobres, valses, mazurcas, chotis, chapeloise, círculo circasiano, carballesa, esparaván, chotis-valse, rumbas, polcas, bourrées a 2 e a 3 tempos e, por suposto, non faltarán as xotas e as muiñeiras. Ademais, nesta ocasión e como novidade incorporan o grand square, o an dro e o hanter dro. O prezo da actividade son 5 euros polas clases aceleradas e 5 euros polo baile posterior. Quen participe nos dous -10 euros- terá, ademais, a merenda de balde e un CD dos Cempés como agasallo.
As propostas do sábado rematan no pavillón municipal. Ás 19.30h. o Aldebarán Intasa recibe ao Náutico de Boiro dentro da SM2 estatal. Os locais porán todo da súa parte para conseguir unha victoria que lles permita saír do último posto da táboa clasificatoria. Ao remate do partido aínda estaredes a tempo de pasar por Naraío para participar na segunda parte do Baile 100%.
O domingo, teatro
E o domingo a partir das 19.30h. volve o teatro á Casa da Cultura de San Sadurniño. Farao coa obra “Enganados” representada polo grupo afeccionado Xosé María Díaz Parallé. O grupo -xurdido dentro da sociedade cultural Unidade de Fene- trae unha comedia onde os conceptos amizade, lealdade, sinceridade, decepción, adquiren dimensións insospeitadas. Unha comedia que asusta ao ver os instrumentos cada vez máis poderosos que empregan os de arriba para controlar e utilizar aos de abaixo.
“Enganados” está protagonizada por Mari López, Tatiana Méndez, María Basoa, Lucía Méndez, Carlos Basoa e Rosa Balseiro. Estes últimos son o director e a axudante de dirección respectivamente, mentres que a coreografía está deseñada por Adrián Vieito. A entrada é gratuíta e a peza é para maiores de 16 anos.











