Ferrol informa do período de solicitudes de matrícula nos centros de educación infantil para o vindeiro curso
A Concellería de Educación do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, ven de iniciar o envío de cartas informativas sobre o inminente comezo do período de solicitude de matrícula para os nenos/as de 3 anos que inicien a súa etapa de Educación Infantil para o vindeiro curso académico 2015-2016. A Administración seguirá remitindo entre hoxe e mañá a información ás familias cuxos fillos inician a educación regrada. Un total de 471 menores censados no termo municipal están chamados a iniciar a formación nas aulas de Infantil a partir do vindeiro mes de setembro. Esta cifra supón seis nenos e nenas menos que o pasado ano.
As familias ferrolás con menores de 3 anos, recibirán os vindeiros días unha carta para coñecer a oferta de centros de ensino existentes na súa zona de residencia e as zonas de influencia por centro. Así mesmo, o Concello de Ferrol remitirá xunto coa misiva o certificado de empadroamento municipal para acreditar o domicilio familiar e antigüidade do/a alumno/a no mesmo, para axilizar ás familias o proceso de reserva de matriculación dos seus fillos.
O prazo de matriculación nos centros de ensino infantil estará aberto do 1 ao 20 de marzo. Ademais, a través da páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Educación) pódese consultar a normativa de admisión do alumnado así como visualizar o xeoestudo dos centros educativos do termo municipal ferrolán.











