Ferrol e UDC abren o prazo de inscrición para as xornadas municipais “Educando en igualdade”
A Concellería de Educación do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, informa de que a partir de mañá mércores, día 11, se abre o prazo de inscrición para as Xornadas Municipais de Educación “Educando en Igualdade”, que organiza coa colaboración da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña (UDC) e do Valedor de Pobo. A inscrición de carácter gratuíta poderá formalizarse ata o luns, día 23, a través da ligazón: http://www.udc.gal/oficinaigualdade/novas/. A admisión será por rigurosa orde de anotación e até completar o aforo.
Estas xornadas educativas, de carácter gratuíto, celebraránse os días 26 e 27 de febreiro, e 5 e 6 de marzo e terán lugar no Salón de Actos do Campus de Ferrol e a Aula Magna da Facultade de Humanidades. A programación inclúe talleres, seminarios, conferencias e coloquios nos que se abordarán temas como as relacións familiares e educativas, os menores e as novas tecnoloxías, o papel das familias na educación, o acoso escolar ou bullying, e a prevención da violencia de xénero no ámbito educativo.
As Xornadas municipais de Educación “Educando en Igualdade” están dirixidas a profesorado dos centros educativos ferroláns; profesionais do ámbito educativo, xurídico e sociosanitario; persoal traballadora nas empresas/entidades ao servizo do Concello de Ferrol participantes no programas educativos municipais (actividades extraescolares, comedores escolares, Xadrez nas Escolas…); asociacións de nais e pais de alumnado ou familiares. Tamén están indicadas para titulados e estudantes da universidade. Neste senso, certificarase a asistencia por parte da Universidade da Coruña, sempre que a participación en termos de asistencia sexa dun mínimo do 85% das xornadas.











