Ferrol adapta a normativa de inspección de edificios ao novo marco lexislativo
A comisión informativa de Urbanismo, Medio Ambiente, Servizos e Seguridade do Concello de Ferrol deu luz verde esta mañá a aprobación inicial da “Ordenanza de Inspección Técnica de Edificios (ITE) adaptada á vixente lexislación en materia de rehabilitación, rexeneración e renovacións urbanas”, que deberá ratificar agora o Pleno que se celebrará no presente mes de febreiro. A proposta da Concellería de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación que dirixe Guillermo Evia Pérez contou co apoio en comisión dos representantes do PP, PSOE e IF; mentres que os de BNG e EU reservaron o seu posicionamento para o Pleno.
A proposta do edil de Urbanismo responde á necesidade de adaptar a ordenanza municipal á vixente normativa que obriga a regularización de inspección periódica das edificacións para determinar o seu estado de conservación. Neste senso, establecerá as edificacións que en función da súa antigüidade teñen esta obriga, incluíndo todas as edificacións catalogadas ou de antigüidade superior a cincuenta anos así como os prazos e condicións en que debe realizarse a inspección técnica das mesmas.
Dende a aprobación da Ordenanza reguladora da ITE do Concello de Ferrol, producíronse diferentes cambios lexislativos que fan necesaria unha adaptación e reestruturación da normativa o que permitirá clarificar e dotar de maior seguridade xurísica aos propietarios das vivendas. Neste senso, as principais modificacións son as derivadas da regulación básica estatal contida na Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, e no Real Decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas. Ditas modificacións determinan que o obxecto da ITE será non só a determinación do estado de conservación das edificacións, senón tamén para os edificios de tipoloxía residencial colectiva a xustificación do cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade universal e a determinación do grao de eficiencia enerxética do inmoble.
Informe de Avaliación
Así as cousas, o informe de ITE adáptase na súa denominación, contido e estrutura ao novo impreso normalizado do “Informe de Avaliación dos Edificios”, o que permite dispor das novas fichas xurídicas e técnicas da edificación estruturándose en tres partes: avaliación do estado de conservación, avaliaciación das condicións básicas de accesibilidade universal, e certificado de eficiencia enerxética. Entre outras medidas, o novo informe deberá determinar que o inmoble satisface condicións básicas como a seguridade estrututal; a hixiene, saúde e protección do medioambiente; a seguridade nas instalacións comúns de electricidade do edificio. Así mesmo, no caso de edificacións con tipoloxía residencial de vivenda colectiva, o informe avaliará as condicións básicas de accesibilidade universal e incorporará a certificación da eficiencia enerxética do edificio.
En canto aos edificios obrigados a efectuar o informe de avaliación, a normativa recolle que serán tódolos edificios con máis de cincuenta anos de antigüidade e os catalogados ou que formen parte dun conxunto que dispoña de protección do patrimonio cultural. Tamén deberán achegar o informe os edificios cuxos titulares pretendan acollerse a axudas públicas co obxecto de acometer obras de conservación, accesibilidade universal ou eficiencia enerxética, que deberá obter con anterioridade á formalización da petición da correspondente axuda; e o resto de edicifios cando así o dispoña unha normativa estatal ou autonómica. Os propietarios de edificios obrigados ao ámbito desta ordenanza que foron notificado polo Concello de Ferrrol para a presentación do informe de avaliación poderán presentar dito informe de avaliación dun prazo dun ano, a contar dende a entrada en vigor da nova ordenanza.











