Ferro Teatro adapta o ballet de El Cascanueces a ópera para nenos no Teatro Colón
O domingo 8 ás 18:00 horas a compañía Ferro Teatro presenta ‘El Cascanueces’, unha proposta para público familiar. E o sábado 7 ás 20:30 horas haberá unha nova función de ‘Balor na acción dunha cadeira’ de Artesa Cía.
‘El Cascanueces’ é unha adaptación a ópera para nenos do conto de Hoffman e da música que compuxo, para o ballet do mesmo nome Tchaikovsky. O obxectivo da proposta é espertar a curiosidade e o interese dos nenos polo bel canto. Ademais da función do domingo o luns 9 e o martes 10 ás 11:00 horas haberá funcións escolares, nas que participarán 1.100 alumnos de 15 centros educativos da provincia de A Coruña.
Ferro Teatro é unha compañía que xorde da asociación de varios cantantes líricos profesionais de recoñecido prestixio e ampla experiencia. Focalizan o seu traballo nos nenos, conscientes da importancia que isto ten na creación do público futuro. As súas propostas empregan o humor e unha posta en escena fresca e dinámica para difundir valores ás novas xeracións.
Cambio nas funcións de teatro en inglés
Dentro da liña didáctica o Teatro Colón ofrece obras de teatro en inglés para nenos adaptadas a distintos niveis de coñecemento da lingua. As funcións vespertinas de Superagent 77 (xoves 26 de febreiro) e Young Shakespeare (xoves 19 de marzo) cambian o seu horario, previstas inicialmente para as 17:00 horas estas funcións levaranse a cabo ás 18:00 horas.
As entradas poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.











