Feijóo asegura que a imputación de Reyes Leis non afecta a Hernández

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a imputación da concelleira popular compostelana Reyes Leis por un delito de tráfico de influencias ao haber suxerido, supostamente, a retirada dunha multa da ORA no seu vehículo, “non afecta” ao actual alcalde, Agustín Hernández, porque deriva da anterior etapa, e apelou a actuar “con proporcionalidade”.

“A nosa opinión sobre a anterior etapa do goberno de Santiago está resolta co actual alcalde. As cuestións anteriores á súa toma de posesión non lle afectan”, aseverou, en relación ao seu exconselleiro, de quen Feijóo prescindiu para pechar un grave crise do goberno local que culminou coa renuncia de Ángel Currás tras a inhabilitación de sete edís do PP.

O anterior alcalde da cidade, candidato ás eleccións municipais de 2011, Gerardo Conde Roa, xa se vira forzado a dimitir previamente ao ser investigado por fraude fiscal. Ata o momento, Reyes Leis era a única dos 13 membros do PP que tomaron posesión da súa acta tras os últimos comicios locais que non fora imputada.

En todo caso, Núñez Feijóo mostrouse “convencido” este xoves de que, con Leis, se adoptarán “as decisións oportunas” actuando “con proporcionalidade” e sabendo “cual é o alcance do caso”.

Por último, insistiu en que Hernández é “o responsable” da Corporación compostelana e en que “o que acontecese antes dende o punto de vista de normalidade e estabilidade do goberno forma parte do pasado”.

12 de febreiro de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.