Expourense organiza unhas xornadas pioneiras sobre a Seguridade contra Incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+
Presentación do congreso de seguridade

Presentación do congreso de seguridade

Por primeira vez en Galicia, máis de 30 expertos de recoñecido prestixio internacional analizarán en Expourense a situación actual da seguridade contra incendios centrándose nos temas que máis afectan á nosa comunidade como é o caso dos incendios forestais, do lume en edificación e industrias e en Bens de Interese Cultural. Estes temas serán abordados nas Xornadas Paralelas ao 8º Congreso Internacional de Enxeñaría de Seguridade contra Incendios organizadas por Expourense e que se celebrarán no recinto feiral os próximos días 9 e 10 de febreiro. Continuará celebrándose en Madrid a partir do día 11 de febreiro.

Estas xornadas foron presentadas esta mañá en Ourense na sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense (COITIOU) nun acto no que participaron o presidente do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Santiago Gómez-Randulfe, o vicepresidente do COITIOU e co-director do Congreso, José López Padrón, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín Carballo. Todos eles coincidiron en sinalar a relevancia dos relatores e a oportunidade que esta cita supón para os profesionais de Galicia.

Estas xornadas pioneiras reunirán en Ourense aos principais expertos mundiais que definirán as tendencias e estratexias do sector baseadas no coñecemento pola experiencia, a investigación científica e as novas tecnoloxías e abordarán a seguridade contra incendios dende unha perspectiva apoiada na análise e deseño prestacional, coa garantía primordial de preservar a seguridade das persoas e os bens. Inclúen a participación de 33 relatores de 7 países: España, Estados Unidos, Reino Unido, Xapón, Brasil, México e Ecuador.

Os eixes temáticos sobre os que xirarán as xornadas celebradas en Ourense son aqueles que máis afectan a Galicia como a “Seguridade contra incendios no Patrimonio e en Bens de Interese Cultural”, “Formación e investigación na seguridade contra incendios”, “Protección contra incendios na edificación e na industria” e “Os incendios forestais: análise do momento actual. Novas ferramentas para a detección e extinción”.

Os relatores analizarán ademais casos prácticos e reais como as “leccións aprendidas do Edificio Windsor” ou o risco de incendio na recuperación do ámbito do mosteiro de Caaveiro, situado na Capela (A Coruña), facendo referencia ao incendio das fragas do Eume de hai uns anos. Tamén se abordarán as últimas técnicas e investigacións realizadas en Galicia na prevención de incendios forestais como a realizada polo Grupo THOR (no que se inclúen investigadores das tres universidades e do CSIC) ou o Proxecto COMETA (Cartografía Orientada a Medición precisa baseada en Tecnoloxías de voo Autónomo). As queimas prescritas e a extinción de lumes nocturnos con drons serán outros temas a analizar.

Estas xornadas están organizadas por Expourense co apoio e a dirección académica da Asociación de Profesionais de Enxeñaría de Protección Contra Incendios (APICI), do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense. Trátase ademais dun proxecto cofinanciado polo IGAPE e conta co apoio da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e de varias empresas de Enxeñaría e Seguridade.

As inscricións para asistir a estas xornadas poden realizarse a través das webs www.expourense.org e www.coitiou.es. O programa de conferencias complementarase cunha Área Expositiva na que varias empresas do sector presentarán aos asistentes os seus produtos e servizos.

Como é habitual en todos os eventos e feiras organizados por Expourense, aqueles que se despracen ata Ourense en tren dende calquera punto da Península poden obter un 35% de desconto en RENFE. Este bono pode descargarse na web do recinto.

4 de febreiro de 2015 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.