publicidade hoxe

Execútanse obras de recollida de augas pluviais na zona do Escorial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

Concello de Neda e veciños da zona do Escorial, en Cruz do Pouso, levaron a cabo conxuntamente as obras de recollida de augas pluviais no lugar. Conxuntamente de forma literal. E é que o alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, explicou que a Administración local sufragou a adquisición do material –tubería e formigón- e puxo os medios materiais –maquinaria- e, a veciñanza, a man de obra. Segundo sinalou o rexidor, foron os propios veciños quenes se dirixiron á Concellería de Obras para solicitar a adquisición dos materiais e plantear o compromiso de que eles mesmos realizarían os traballos. Unha petición que foi atendida polo Concello. Non só iso, Ignacio Cabezón Lorenzo quixo agradecer moi especialmente a colaboración e apoio dos residentes na zona.

En esencia, os traballos comezaban o pasado luns e se prolongaban por espazo de tres días, ata o mércores. Nunha das marxes da estrada, que conecta coa Mourela e Cruz do Pouso, procedeuse á colocación duns 54 metros de tubería para a canalización das augas. A continuación, aplicouse unha capa de formigón, que tamén permitirá gañar metros á propia estrada. Un camión suministraba o material e, unha cuadrilla de seis veciños, nivelaban o terreo.

O custe, así, das obras, quedou limitado á adquisición do material, valorado nuns 2.000 euros.

4 de febreiro de 2015 | 12:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.