Ethel Vázquez destaca que as obras do plan Paradai xa están executadas ao 80 %
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou hoxe as actuacións que se están a acometer na Ponte Paradai na cidade de Lugo, das que tan só queda o 20 % para que estean rematadas, o que significa que nesta primavera, previsiblemente, a finais do mes de abril, a obra estará totalmente finalizada. Estes traballos corresponden á Fase I, que une a glorieta Ponte Paradai coa glorieta Serra de Meira. Na supervisión dos traballos, Vázquez estivo acompañada pola delegada territorial de Xunta de Galicia, Raquel Arias; e o alcalde, José López Orozco, que puideron comprobar o avanzado estado dos traballos.
A conselleira explicou que, a día de hoxe, a primeira fase desta intervención que se está a acometer entre Ponte Paradai-Serra de Meira está executada en máis dun 80% e conta cun investimento que supera os 3,5 millóns de euros. Vázquez resaltou que esta actuación é de gran importancia, posto que supón unha mellora das condicións de mobilidade dos veciños da zona e beneficia a funcionalidade e fluidez do tráfico.
Así mesmo, a responsable de Medio Ambiente do Executivo autonómico incidiu en que se continuará coa aposta polo Plan Paradai, polo que se está a redactar o proxecto para a segunda fase desta infraestrutura, a que continúa a actuación ata a rúa Carlos Azcárraga.
Ethel Vázquez subliñou que accións como estas poñen de manifesto o compromiso real e efectivo do Goberno galego cos cidadáns de Lugo e coa continuación dunha das infraestruturas viarias máis significativas e importantes para a dinamización da cidade.
Actuacións concretas
As tarefas consisten na construción dunha nova ponte sobre o ferrocarril e a conexión coa estrada das Gándaras (glorieta Serra de Meira). Terá unha lonxitude total de preto de 360 metros e un ancho de 14,5 metros e, unha vez rematada, a vía disporá de tres carrís para a circulación dos vehículos e de beirarrúas para facilitar o paso dos peóns.
Cabe sinalar que se trata dunha infraestrutura estratéxica e prioritaria para esta urbe, xa que permitirá reordenar e dinamizar os tráficos do norte de Lugo; suporá unha mellora cualitativa na conexión entre o barrio das Gándaras e a cidade; e fará máis doada a vida dos veciños desta zona, que na actualidade sofren o efecto barreira provocado pola vía do ferrocarril; ademais de redundar no incremento da seguridade para todos os cidadáns que residen no barrio.











