Ethel Vázquez destaca as 40 actuacións de mellora realizadas na provincia de Ourense co plan Hurbe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou hoxe as 40 actuacións de mellora de espazos públicos realizadas na provincia de Ourense ao abeiro do Plan Hurbe e dun investimento de preto de 7 millóns de euros.

Ethel Vázquez, acompañada pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e pola alcaldesa da vila, Cristina Francisco, supervisou hoxe o remate das obras de empedrado do viario público no núcleo rural de Quins do concello ourensá de Melón, unha actuación, que se enmarca dentro do Plan Hurbe, e que supuxo in investimento de case 150.000 euros.

Esta obra realizouse nunha vía que comunica a estrada N-120 coa igrexa deste lugar, unha edificación singular de fins do século. XVI. O núcleo de Quins alberga unha das maiores concentracións de hórreos de Galicia e presenta unha serie de elementos catalogados de enorme valor etnográfico como cruceiros, casas de tipoloxía tradicional, unha casa reitoral e lavadoiros, ademais doutras edificacións.

Ethel Vázquez explicou que “con esta intervención queda probado o compromiso da Xunta coa recuperación da paisaxe galega e, en especial, coa rehabilitación dos núcleos rurais e coa mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Na súa intervención, a conselleira de Medio Ambiente explicou que “esta é a segunda actuación que se executa en Melón con cargo ao Plan Hurbe. Nos últimos catro anos, o investimento para a humanización e a mellora de espazos públicos neste municipio acadou os 366.000 €, xa que 216.000 € destináronse á remodelación da rúa Calvo Sotelo, fase II.

Nesta actuación, concretamente, levouse a cabo o empedrado de 770 m² de pavimento de lastras de granito moreno, sentados sobre capa de morteiro de cemento de oito centímetros de espesor, engadiuse tamén rígola recta de granito totalmente serrada sobre leito de formigón, sentada con morteiro de cemento e soleira de formigón. No apartado da rede eléctrica, colocáronse 180 metros de canalización soterrada para alumeado público formada con tubo PVC de 63 mm de diámetro.

Plan Hurbe

No ano 2010, desde a Xunta púxose en marcha o Plan Hurbe co obxectivo de facilitar a humanización de vilas e cidades de Galicia para que ofrezan cada vez máis posibilidades de disfrute e benestar ás persoas.

Desde o arranque do plan, investíronse preto de 7 millóns de euros na provincia de Ourense, o que permitiu a execución de arredor de 40 actuacións nunha trintena de concellos destinadas á urbanización, recuperación e humanización de rúas e de espazos públicos, especialmente nos pequenos núcleos como este de Quins.

O balance do plan no conxunto de Galicia tamén arroxa uns resultados altamente satisfactorios, cun un investimento superior aos 92 M€ e máis de 80 actuacións realizadas. Isto certifica o interese e a aposta da Xunta por seguir dotando aos concellos de equipamentos urbanos precisos que inciden directamente na calidade de vida dos veciños.

4 de febreiro de 2015 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.