publicidade hoxe

Ethel Vázquez anuncia en Marín a posta en marcha do plan de saneamento local da ría de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez en Marín

Ethel Vázquez en Marín

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou hoxe que o seu departamento porá en marcha o Plan de saneamento local na Ría de Pontevedra. Así llo trasladou esta tarde á alcaldesa de Marín, María Ramallo, durante unha reunión de traballo na que abordaron a situación do saneamento deste concello pontevedrés.

Vázquez Mourelle salientou que a Xunta leva traballando no desenvolvemento de plans de saneamento local en distintas rías galegas (como é da Ría do Burgo ou da Ría de Arousa) e quere seguir avanzando por esta senda.

Para acadar este obxectivo, “é imprescindible contar coa colaboración dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa”, explicou, xa que é preciso colaborar na realización dun diagnóstico e dunha análise da situación das redes de saneamento, así como dunha planificación das actuacións de mellora que eviten vertidos sen depurar á ría.

A responsable de Medio Ambiente trasladou a aposta do Goberno galego por completar o saneamento da ría de Pontevedra e recordou que na actualidade dáse unha gran oportunidade, ao abrirse un novo período operativo de fondos europeos”, salientou, polo que apostou por traballar conxuntamente co fin de acadar este obxectivo dada a importancia que teñen as rías galegas, desde o punto de vista dos ecosistemas, da produción pesqueira e marisqueira e do turismo.

A conselleira recoñeceu que completar o saneamento integral e acadar un bo estado das augas é un gran reto. “Non se trata só de executar infraestruturas hidráulicas, senón que se debe lograr a máxima eficiencia nos sistemas de saneamento e depuración”, aclarou. Unha tarefa que require da implicación e do traballo de todos, fundamentalmente das administracións locais, dado que son as responsables últimas das tarefas de mantemento e renovación das redes de saneamento.

Esforzo co saneamento en Marín

Outro dos puntos abordados na reunión foi a situación do saneamento de Marín, cuxo esforzo se traduce nun investimento dun millón de euros para este ano en dúas actuacións que están en marcha nas súas distintas fases.

No encontro, a conselleira e a alcaldesa analizaron á obra de saneamento en Pereiro-O Pozo que se desdobra en dous proxectos e que suman un investimento dun millón de euros. A primeira das actuacións é o saneamento de Pereiro- O Pozo, que facilitará a posta en servizo da infraestrutura xa rematada de Miñán-A Esperela. Esta obra será adxudicada no vindeiro mes de marzo e conta cun investimento de máis de 520.000 euros. O segundo dos proxectos é o correspondente ao saneamento de Pereiro- Cadrelo, cun investimento de arredor de 540.000 euros e que será licitado tamén en marzo.

Ethel Vázquez recordou que estas dúas actuacións están recollidas no convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello, polo que se desenvolven varias infraestruturas hidráulicas no rural e do cal xa se executaron actuacións por máis de 1,5 millóns de euros.

Tamén hai que engadir outra actuación en Marín, que xa está finalizada, a mellora do saneamento no lugar de Miñán- A Esperela. Grazas a estas obras, os núcleos de Miñán, A Troncosa e A Esperela dispoñen dunha infraestrutura de saneamento que lles permite conectarse coas redes municipais de saneamento máis próximas e xa existentes, como é a da parroquia de San Tomé de Piñeiro ou á da parroquia de O Campo. O investimento desta actuación foi de 753.000 euros.

26 de febreiro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.