Este martes comezaron as charlas a prol dun Entroido solidario en Monforte
A concelleira de Cultura, Pilar López, acompañada polo técnico municipal de Medio Ambiente, celebrará nos centros de ensino da cidade unhas charlas que teñen como obxectivo a procura dun Entroido solidario.
As charlas, dirixidas ó alumnado de quinto e sexto de primaria e de 1º, 2º e 3º da ESO, comezaron este martes día 3 de febreiro nos colexios Ferroviario e CEIP Monforte, ás 11:00 e ás 12:30 h, respectivamente. Continuarán mañá mércores día 4 nos colexios Infanta Elena e A Gándara, ás 12:00 e ás 16:00 h, respectivamente. O xoves día 5 será a quenda do colexio Fundación Torre de Lemos, ás 12:15 h, e do colexio PP Escolapios, a unha hora por determinar.
Este é o cuarto ano no que se leva a cabo unha iniciativa que pretende buscar solucións á práctica nada solidaria de estragar alimentos durante o Entroido. O obxectivo destas charlas informativas é concienciar á mocidade sobre a difícil situación que atravesan moitas familias e a necesidade de facerlle fronte mediante o exercicio da solidariedade, motivo polo que celebrar o Entroido lanzando alimentos como ovos ou fariña non é o máis apropiado.
A mensaxe a transmitir é que non hai nada divertido en botar a perder alimentos que outras persoas precisan con urxencia.
Dende a concellería de Cultura valórase de xeito moi positivo a sensibilidade amosada pola mocidade nestes últimos anos, algo que se reflicte na case total desaparición desta práctica. De tódolos xeitos, considérase axeitado dar continuidade a estas charlas como un elemento fundamental na concienciación dos rapaces e rapazas e como medida de prevención ante a posible reaparición das citadas prácticas.
Ademais destas charlas, o Concello distribuirá pola cidade e polos centros de ensino de secundaria un bando municipal no que se alude ó espírito do Entroido, rexeitando as actuacións que nada teñen que ver con el. Este bando, xunto cunha carta explicando a situación e advertindo sobre a posibilidade de sancionar a quen lance alimentos na rúa, tamén se fará chegar ós pais e nais destes alumnos/as.
Durante as datas do Entroido o Concello incrementará a vixilancia nas rúas para evitar que estas prácticas se leven a cabo, aínda no convencemento de que a maneira máis axeitada para combater este desatino pasa pola educación e a concienciación da mocidade. De tódolos xeitos, lémbrase que a Ordenanza Municipal de Medio Ambiente recolle as sancións que se poden impor por non manter a limpeza e ornato dos espazos públicos.











