Esgotadas as entradas para a segunda función de Leo Harlem en Vilagarcía
O Auditorio colgou esta mañá o cartel de “aforo completo” para as dúas funcións que Leo Harlem ofrecerá este sábado en Vilagarcía. Despois de esgotar todas as entradas para a única representación prevista inicialmente, o popular monologuista tivo que improvisar un segundo pase esa mesma tarde para satisfacer a demanda dos seus numerosos seguidores que tamén encherán ata a bandeira o patio de butacas.
Harlem triunfou en Vilagarcía incluso antes de representar o seu último espectáculo, só con poñer á venta as entradas. En vista do fervor incondicional do público, resulta obvio que “Trendingtronching” vai a colleitar en Vilagarcía un éxito memorable. A primeira función comezará ás 19 horas e a segunda ás 22.
O leonés non será o único en recibir a calorosa acollida do público vilagarcián, posto que neste espectáculo conta con acompañamento de Sergio Olaya. Os dous humoristas representarán en Trendingtronching un xeito de ver a vida que amosa a loita constante entre o clásico e o moderno, o eterno e o pasaxeiro para, a través de monólogos e gags, facer que o espectador reflexione á vez que ría, sobre o que fumos, somos e seremos.











