“Enbata 80” vence o Trofeo J80 Galicia Gold Sailing
O pasado fin de semana o Real Club Náutico da Coruña organizou o TROFEO J80 GALICIA GOLD SAILING para a Clase J80. Na xornada do sábado puidéronse completar as 3 probas programadas cun vento do noroeste algo rolón e variable en intensidade, entre 7 e 24 nós. Bo comezo do “Enbata 80” de Íñigo Jáuregui do CN Hondarribia, que marcaba a pauta e se anotaba tres axustadas vitorias na súa cuadrícula, grazas á pericia da tripulación e ás velas Gold Sailing coas que navegaban. A loita pola segunda praza provisional estaría moito máis disputada entre o “Biba” de Manuel Rego, patroneado por Miguel Fernandez, e o “Marina Coruña” de Tourón-Etcheverría-Ferreiro, patroneado por Pablo Martínez que rematarían a xornada con 7 e 8 puntos respectivamente.
A xornada do domingo sería decisiva e moito máis competida. Completáronse 2 das tres probas programadas, debido a un role de 100º cando aínda non se alcanzara o ecuador da primeira proba, na que ata ese momento lideraba o “Biba” patroneado por Miguel Fernández, obrigando o Comité de regatas a anulala. Na segunda proba do día, xa con vento estable do sueste, tras unha axustada saída viraban barlovento na cabeza, moi igualados, “Biba”, “Marina Coruña” e “Enbata 80”, tras a primeira empopada repetíanse as posicións na porta tomándoa ao unísono “Biba” e “Enbata 80”. Nunha axustada chegada a vitoria levaríaa o “Enbata 80” patroneado por Mikel Vázquez, segundo o “Biba” patroneado por Miguel Fernandez, terceiro “Marina Coruña” patroneado por Pablo Martínez, e cuarto “The Cooksters” de Roberto López. Na última proba a vitoria sería para o “Biba” de Manuel Rego, asegurando a 2ª praza da xeral con 7 puntos, mentres que o vencedor da xeral foi o “Enbata 80” de Iñigo Jáuregu con 4 puntos, e en terceira posición o “Marina Coruña” de Tourón-Etcheverría-Ferreiro con 11 puntos, cuarta posición para o “Meltemi” de lanco-Iglesias, quinta posición para “Miúdo” de Carlos López, sexta posición para “The Cooksters” de Roberto López e sétima posición “Moura” de Jacobo Penide.
Como broche final a este fin de semana de regatas, realizouse a entrega de trofeos aos vencedores de mans de Germán Suárez-Pumariega, Presidente do RCN Coruña, Guillermo Blanco, Secretario da Clase J80 Galicia e Íñigo Jáuregui de Gold Sailing. Este último fixo entrega do foque que a ceraría “Gold Sailling” sorteou entre todas as tripulacións participantes, e que este ano recaeu no “Marina Coruña”.











