Elena Muñoz reúnese con armadores de Vigo

Elena Muñoz na reunión cos armadores de Vigo
A candidata do PP á Alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, mantivo este xoves unha reunión coa directiva da Cooperativa de Armadores de Vigo, para coñecer de primeira man as demandas e necesidades do sector que, segundo subliñou, ha de ser “preponderante” no proceso de recuperación económica.
En declaracións aos medios antes do encontro, Elena Muñoz recalcou a importancia deste “sector estratéxico” non só para a economía de Vigo e a súa bisbarra, senón de toda Galicia.
Así mesmo, mostrou a súa intención de reunirse con representantes dos principais sectores da economía viguesa, no proceso que está a levar a cabo para coñecer de preto as preocupacións dos axentes sociais e económicos da cidade.
Precisamente, nesa liña, este xoves tamén se reuniu con responsables da Asociación Galego San Francisco, aos que prometeu mediar ante a Consellería de Traballo e Benestar Social para que se retome o diálogo coas familias dos usuarios do centro.











