Elena Muñoz destaca o compromiso do PP con Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press
Elena Muñoz na primeira reunión de traballo

Elena Muñoz na primeira reunión de traballo

A aspirante do Partido Popular á Alcaldía de Vigo para a próximas eleccións municipais, Elena Muñoz, mantivo este luns o seu primeiro encontro de traballo como candidata cos representantes públicos do PP, onde garantiu “o compromiso político” do grupo coa cidade olívica.

Así, apostou porque nestas eleccións se dea “o gran cambio necesario en Vigo”, a través dunha estratexia “de cidade aberta e en positivo, e non desde a cerrazón e a hostilidade permanentes”, para así “comezar a converter á cidade no gran motor da economía e a sociedade galega”.

Muñoz, que trasladou a súa intención de “percorrer Vigo de arriba a abaixo” e “escoitar a todos”, manifestou que se debe considerar “caducado o tempo no que o único xeito de construír o futuro de Vigo era a confrontación con todo o mundo” e insistiu na necesidade de “acabar cun estilo de facer política que ailla a Vigo”.

Desta forma, a candidata repasou os proxectos que hai en marcha ou pendentes na cidade de cara a “planificar o traballo para as próximas semanas” e fixo balance do compromiso “evidente” do PP na cidade, onde recordou “os máis de 1.500 millóns de investimento” das distintas administracións, a través do novo hospital, a depuradora, Rande, a Autopista do Mar, e o apoio a sectores estratéxicos.

Na reunión participaron o presidente provincial do PP e presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o presidente local e vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa; a delegada do Estado na Zona Franca, Teresa Pedrosa; os presidentes das autoridades portuarias de Vigo e Vilagarcía, Ignacio López Chaves e Sagrario Franco; e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; entre outros cargos.

16 de febreiro de 2015 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.