Economía e Industria achega os apoios para a creación de novas empresas en Franquiatlántico
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, achegará aos emprendedores vigueses durante esta fin de semana na feira Franquiatlántico en Vigo os instrumentos de formación, asesoramento e axuda habilitados a través da Unidade Galicia Emprende para facilitar a creación e a consolidación de novos negocios.
Ademais de participar no acto inaugural que terá lugar mañá ás 11 horas cun relatorio sobre o emprendemento en Galicia, o Igape estará presente no encontro cun espazo expositivo propio destinado a achegar información sobre os servizos e os apoios para facilitar a creación e o desenvolvemento de novas empresas.
O Igape dispón de servizos de formación e asesoramento para facilitar a maduración das ideas empresariais e para a elaboración dos correspondentes plans de empresa. Do mesmo xeito, o Instituto conta con instrumentos financeiros para a posta en marcha e consolidación de novas empresas, entre eles os préstamos directos ou préstamos participativos, a través do Fondo de capital risco Galicia Emprende ou da liña de préstamos Jeremie.
No marco do desenvolvemento da Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia, a Consellería de Economía e Industria está a impulsar tamén a articulación da Rede galega de investidores privados, co obxectivo de facilitar a confluencia de fondos privados e públicos e procurar que todos os proxectos empresariais viables atopen os apoios adecuados cubrir as súas necesidades de financiamento.
Franquiatlántico reunirá este fin de semana en Vigo a máis de 300 marcas comerciais de autoemprego representadas por medio cento de expositores que participarán na decimoquinta edición do salón das franquías, que se celebrará no edificio da Estación Marítima. Este salón, de carácter transfronteirizo busca achegar aos emprendedores un modelo de negocio no que se minimizan os riscos.











