publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Duplícase o número de peregrinos que selaron a súa credencial en Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

Cifras de récord. Así se poderían definir os rexistros de peregrinos que, ao longo do pasado ano 2014, selaron a súa credencial na real vila de Neda. A concelleira de Turismo, Montse Rico, fixo esta mañá balance e sinalou que, en total, foron 2.019 os peregrinos que pernoctaron no Albergue Municipal nos últimos doce meses. Unha cifra que duplica a rexistrada no 2013, cando foron 1.061. Non só iso, a edil lembrou que nos últimos tempos o número de peregrinos aumenta ano tras ano, aínda que as cifras do 2014 arrasan coas mellores perspectivas. Só hai que mirar a exercicios precedentes, como o 2012, con 1.035 peregrinos, ou o 2011, con 1.216.

Sobre o 2014, Montse Rico apuntou que a maioría dos peregrinos proceden de territorio español, ata 1.182, así como que respecto aos visitantes foráneos destacan os chegados de Portugal, Italia, Alemaña e Reino Unido.

Por isto, e en base a reservas xa realizadas no Albergue, a concelleira mostrou a súa confianza en repetir e incluso mellorar neste 2015 os rexistros de cidadáns que descubren o Camiño Inglés que pasa por Neda. En todo caso, Montse Rico engadiu que o número de pernoctas, aínda sendo moi positivo, é só unha parte da cifra de peregrinos que visitan Neda, xa que moitos deles elixen outro destino para a estancia –máxime tendo en conta que a real vila é un dos primeiros municipios da ruta-.

Así mesmo, a edil non quixo deixar pasar a oportunidade de agradecer a colaboración de Protección Civil, que brinda o seu apoio voluntariamente cada ano para tarefas de apoio ao peregrino. Neste contexto, Montse Rico destacou tamén a importancia de potenciar o Camiño Inglés nas políticas de turismo do Concello. Unha excelente fórmula para dar a coñecer a riqueza histórica, natural e patrimonial do municipio.

5 de febreiro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.