Desestimada a responsabilidade patrimonial de 16 millóns de euros solicitada por Xardín das Burgas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local acordou, na súa xuntanza desta mañá, desestimar a responsabilidade patrimonial formulada por Xardín das Burgas, polas causas e motivos expostos, tanto no ditame do Consello Consultivo da Xunta de Galicia, de 10 de decembro de 2014, coma no informe xurídico de data 30 de xaneiro, do Concello de Ourense.

Así o Concello desestima a reclamación patrimonial presentada por Xardín das Burgas SA, por importe de 16 millóns de euros, basando esta desestimación na inexistencia de posibilidade legal para indemnizar “as simples expectativas” urbanísticas e non habendo consolidado, por parte do reclamante, un dereito de natureza urbanística susceptible de indemnización, non obtendo o recurrente en ningún momento licencia de edificación, nin as autorizacións precisas para o aproveitamento das augas, polo que non se pode considerar que exista un perxuízo tanxible susceptible de ser indemnizado.

“O feito de que con posterioridade se manifestaran as dificultades, ao parecer de caracter insalvable, que dende un punto de vista técnico impedirían destinar a edificación aos usos previstos, sen por en risco o equilibrio do sistema de termas das Burgas, acredita unha falta de previsión no momento de formular o proxecto, exclusivamente imputable á mercantil agora recurrente, que no seu momento demandou ao Concello unha urxente modificación do planeamento para acoller o proxecto”, afirma o Consello Consultivo e recolle o informe xurídico.

Así se traslada á propia empresa, Xardín das Burgas, as consecuencias dañosas do resultado que “de ningún xeito” podería repercutir agora na Administración Local”

Antecedentes

No ano 2000 celebrouse un convenio entre o Concello de Ourense e Xardín das Burgas S.A, en virtude do cal a edificabilidade recoñecida inicialmente na parcela das Burgas era de 0,56 m2c/m2s, nunha superficie de 4.145 metros cadrados en solo urbano consolidado, pasa a ser de 4,65 m2c/m2s de coeficiente de edificabilidade, o cal implicaba unha recalificación de 2.000 m2 a 19.000 m2, que segundo o informe xurídico de data 30 de xaneiro de 2015, debe ser considerado nulo e “no suposto hipotético de que fora válido, o impcumplimento do mesmo dase soamente pola parte agora reclamante, e non polo Concello”.

O Consello Cosultivo indica agora que os convenios de planeamento “en ningún caso vencellarán ou condicionarán en calquera outra forma o exercicio polas administracións públicas, incluídas as que sexan parte neles, da potestade de planeamento”. Así, considera que aunque o convenio foi seguido da efectiva modificación puntual do planeamento urbanístico vixente, non chegaron a materializarse as correspondentes previsións, sen que a data de hoxe esto sexa posible, como consecuencia das novas determinacións urbanísticas derivadas da declaración de Ben de Interese Cultural do conxunto das fontes termais das Burgas e o seu contorno, que desemboca na posterior elaboración e aprobación do Plan Especial de Protección do BIC.

Esta declaración de Ben de Interese Cultural, xunto coa anulación do Plan Xeral de 2003 “frustran definitivamente a viabilidade dos aproveitamentos contemplados” tanto no convenio urbanístico asinado en febreiro do ano 2000, que alega o reclamante para esixir do Concello unha responsabilidade patrimonial de 16 millóns de euros, como dos posteriormente recolllidos no 2001 no proxecto de reparcelación, en febreiro de 2004 sobre o proxecto de urbanización e en novembro de 2004 polo que se conceden as licencias urbanísticas”.

O Consello Consultivo antes, e os xurídicos do Concello agora afirman, con respecto á cuestión relativa á indemnizabilidade dos perxuízos invocados polo reclamante, o seguinte:

– A alteración urbanística do solo non xenera por sí mesma o dereito á indemnización agás que a lei establezca de xeito expreso o contrario.

– A LOUGA estipula que “a ordenación do uso dos terreos e das construccións establecidas na lexislación e no planeamento urbanísticos non lles concede aos propietarios ningún dereito a esixir indemnización por implicar simples límites e deberes que definen o contido normal da propiedade según a súa calificación urbanística”.

– O noso ordenamento xurídico en materia urbanística esixe que para que se poida solicitar una indemnización como consecuencia dunha alteración de planeamento tense que ter producido, con carácter previo, a patrimonialización ou consolidación dos dereitos urbanísticos dos que se trate, sen que sexan indemnizables as simples expectativas.

Así, o Consello Consultivo considera que Xardín das Burgas en ningún momento obtivo licencia de edificación para o hotel balneario que motiva na súa reclamación, entre outras, polas disfuncións que presentaba a edificabilidade contemplada na modificación puntual do planeamento e “que quedaron postos de manifesto tras os sondaxes ilegais que a empresa realizou e que determinaron unha importante afectación do caudal das fontes das Burgas, tal e como informaron no seu momento os técnicos municipais, xenerando unha importante alarma social e dando lugar á caducidade do expediente”. Unha vez asumido este erro, Xardín das Burgas acepta os novos parámetros de edificabilidade, pero tampouco obtén licencia de urbanización, ao ser informada desfavorablemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia no ano 2008.

O Consello Consultivo conclúe que “cabe cuestionar que os danos relativos á frustración do dereito de aproveitamento urbanístico do solar propiedade do reclamante se correspondan coa pivación de dereitos patrimonializados, como resultaría esixible para fundamentar a pretensión indemnizatoria”.

“O feito de que con posterioridade se manifestaran as dificultades, ao parecer de carácter insalvable, que dende un punto de vista técnico impedirían destinar a edificación aos usos previstos, sen por en risco o equilibrio do sistema de termas das Burgas, acredita unha falta de previsión no momento de formular o proxecto, exclusivamente imputable á mercantil agora recurrente, que no seu momento demandou ao Concello unha urxente modificación do planeamento para acoller o proxecto”.

Esta circunstancia, e segundo o ditamen e informes ao respecto, trasladada á propia empresa, Xardín das Burgas, as consecuencias dañosas do resultados que “de ningún xeito” podería repercutir agora na Administración Local, polo tanto a Xunta de Goberno Local acordou desestimar a pretensión de responsabilidade patrimonial de Xardín das Burgas SA.

5 de febreiro de 2015 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.