Descualificacións entre PP e Democracia Ourensana no pleno de Ourense acaban coa saída dos populares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

O grupo do PP no Concello de Ourense abandonou o pleno municipal deste venres tras un cruzamento de descualificacións e acusacións co voceiro de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome. O pleno ordinario de Ourense do mes de febreiro inclúe 13 mocións, das que catro son de DO na primeira delas, Pérez Jácome arremeteu contra o voceiro do PP, Rosendo Fernández; contra a edil do PP Beatriz Tejada; a voceira do BNG, Ximena González; e o propio alcalde, o socialista Agustín Fernández, ao que achacou que lle tivese chamado “verme” nun pleno anterior.

O enfrontamento verbal comezou durante o segundo debate da mañá, en torno a unha proposta do PP para que se prepare un espazo na cidade no que poidan estacionarse autocaravanas. Nas súas intervencións, Rosendo Fernández referiuse ao voceiro de DO como persoa con “un defecto mental”, ao que Pérez Jácome replicou que o candidato do PP en Ourense é “peor” que o que hai agora.

Nunha das súas intervencións, Gonzalo Pérez Jácome fixo referencias persoais á edil Beatriz Tejada, á que cualificou de “enchufada”, mentres que ela replicou chamándoo “subnormal”. Foi no seguinte debate, en torno a unha proposta de DO, onde se sucederon as descualificacións. Pérez Jácome dirixiuse a Rosendo Fernández: “Di que teño un defecto mental e vostede é médico, así que tráteme ou me diga directamente que estou tolo”.

MOCIÓN

A moción de DO propoñía a creación dun equipo de traballo “para incrementar considerablemente todos os impostos e taxas locais aos que non estean censados no municipio de Ourense”, e o voceiro do PP propuxo sacar ese punto da orde do día “por non estar argumentada a proposta”. Unha consulta ao secretario municipal saldouse coa interpretación de que a moción se podía debater.

Tras a primeira intervención do voceiro de DO, na que se dirixiu ao voceiro do PP e á edil Beatriz Tejada, os once concelleiros do PP levantáronse e saíron do salón de plenos, e unha vez fóra, fixeron saber que se ausentarían en cada un dos catro debates propostos por DO

Os voceiros do PSOE e do BNG, cuxos grupos permaneceron no salón de plenos, centraron as súas intervencións en criticar a DO por “usar o salón de plenos para dar mitins electorais”. O pleno continúa con enfrontamentos verbais e referencias persoais, entre elas ao candidato do PP e ao alcalde, cualificados como “parrulo coxo” de forma reiterada por Pérez Jácome.

6 de febreiro de 2015 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.