Crespo reafirma en Madrid Fusión a aposta polo cocido como imaxe de marca de Lalín

Crespo e Ónega na presentación do cocido de Lalín
O alcalde de Lalín ofreceu esta tarde neste certame referente internacional no eido gastronómico un relatorio co título “Los secretos del Cocido más internacional” no que defendeu que “aos lalinenses móvenos a paixón polo porco” e que un dos secretos do Cocido de Lalín é o cariño a este animal totémico por excelencia da Galicia interior que salvou moitas vidas O rexedor defendeu, tal como di José Ramón González Juanatey, presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, que será nomeado Comendador do Cocido o vindeiro domingo 8 de febreiro na 47 edición da Feira, que “o porco se se come con grelos ou con verbas verdes, é cardiosaudable” Anunciou que o propio Juanatey ofrecerá en Lalín unha conferencia o día 23 de febreiro para falar sobre o Cocido e os beneficios da dieta atlántica O relatorio que foi seguido por máis de 300 asistentes, contou coa condución do periodista, pregoeiro, comendador e Fillo Adoptivo de Lalín, Fernando Ónega que dixo que o Cocido de Lalín “é o máis coñecido internacionalmente” . Durante a ponencia os cociñeiros lalinenses José Luis Iglesias do Restaurante Cabanas e Luis Alberto Guerreiro, de Las Palmeras, elaboraron un Cocido de Lalín e explicaron a súa preparación
Cunha puntualidade anticipada incluso nun par de minutos, sobre as seis da tarde comezou o relatorio do alcalde de Lalín, José Crespo, sobre Lalín, o Cocido e os produtos lalinenses co título “Los secretos del Cocido más internacional” no Cumio Internacional de Gastronomía “Madrid Fusión” que se celebra no IFEMA desde hoxe ata o vindeiro mércores 4 de febreiro.
Un relatorio cuxa presentación correu a cargo do xornalista de Pol (Lugo), Fernando Ónega, pregoeiro, comendador do Cocido e Fillo Adoptivo de Lalín, que se encargou de ir guiando os diversos apartados da ponencia. Ónega comezou a súa intervención convidando aos presentes “a unha viaxe fantástica por Lalín, polo mundo do porco e polo que é o Cocido máis coñecido internacionalmente, que se debe en gran parte ao que teño aquí á miña esquerda (en referencia ao alcalde de Lalín, José Crespo)”.
Durante o relatorio, Crespo e Ónega estiveron acompañados dos cociñeiros lalinenses José Luis Iglesias de Restaurante Cabanas e Luis Alberto Guerreiro, de Las Palmeras, que prepararon en directo un Cocido de Lalín. Iglesias explicou a preparación do Cocido de Lalín e Guerreiro dixo que o Cocido de Lalín tamén se acompaña dunha sopa de Cocido, que se fai na mesma auga que o Cocido, que lle dá un sabor especial. Tamén fixo fincapé no gran tirón que ten en Lalín o Mes do Cocido (que se prolonga durante máis dun trimestre).
O rexedor lalinense abriu o seu relatorio sinalando que “aos lalinenses móvenos a paixón polo porco; animal totémico por excelencia da Galicia interior, que salvou máis vidas que a penicilina”. Dixo que “segundo o propio Álvaro Cunqueiro, pregoeiro da primeira edición da Feira no 1969, se distinguen ata 27 ingredientes no porco, que están todos metidos no Cocido de Lalín” e sinalou que o secreto do Cocido de Lalín é o cariño ao porco.
Deste animal aprovéitase aproveita todo, afirmou, “desde a punta do fuciño ata a punto do rabo”, e indicou que “no Cocido de Lalín distínguese máis de 30 ingredientes e se a isto se engade os distintos postres, xa nin che digo”.
COCIDO, IMAXE DE MARCA DUN POBO
Crespo precisou que “o Cocido é a imaxe de marca para vender o noso pobo”, que ten facturado o 15% da moda galega e neste pobo fanse todos os derivados do porco, queixos e mel, entre outros produtos. Así mesmo comentou que “Lalín somos o concello (é o teu Concello, porque ti es Fillo Adoptivo, lle dixo a Ónega), con máis vacas de España (máis vacas que persoas, subliñou).”
DIETA ATLÁNTICA
Así mesmo anunciou que “este ano poñémoslle a capa a un ilustre cardiólogo, Juanatey, presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, que di que o porco se se come con grelos ou con verzas verdes (que non sexan repolo), ten un alcaloide que inhibe o colesterol malo”. “Vainos dar unha conferencia o 23 de febreiro” na que falará dos beneficios da dieta atlántica e que a carne de porco, acompañada axeitadamente, é cardiosaudable. Tamén fixo referencia Crespo a un vídeo recente do Ministerio de Agricultura onde se di que a carne do porco é carne branca.
Avogou pola boa combinación que está dando o Cocido de Lalín cos viños de Monterrei, que patrocinan o Cocido, nunha maridaxe proveitosa para ambas as dúas partes.
DESESTACIONALIZACIÓN PARA IMPULSAR O TURISMO DE INTERIOR
O primeiro edil lalinense tamén explicou aos asistentes o proxecto de desestacionalización do Cocido que se está a impulsar, nunha proposta de apostar polo turismo de interior. “Estamos facendo esa aposta tan forte para que o turismo sexa a terceira pata económica do noso pobo”, remarcou.
Nun diálogo continuo durante o relatorio entre Ónega, Crespo e os dous cociñeiros, Iglesias e Guerreiro, o alcalde lalinense dixo que estamos facendo un experimento a través dun programa europeo Depodeza mediante cruce de razas porcinas para a conseguir a carne coas mellores cualidades organolépticas para a súa utilización no cocido. Neste sentido dixo que xa se dispoñen dos primeiros resultados, que están a ser bos.
INTERNACIONALIZACIÓN E APOSTA POLA GALICIA INTERIOR
Defendeu que “estamos intentando internacionalizar o Cocido e vender así a Galicia interior; con esa loita estamos, querémolo internacionalizar e por iso levámolo por todo o mundo”.
Por último, convidou aos participantes a vir visitar Lalín, onde ademais de degustar un Cocido, o visitante pode ver outros recursos paisaxísticos de gran valor e puxo como exemplo que “temos 270 carballeiras inventariadas”. Rematou o acto entregándolle a Fernando Ónega “que é Fillo Adoptivo da nosa terra e un dos grandes embaixadores da nosa terra, dunha centola de carne, de cortello (unha cachucha de porco)”.
DEGUSTACIÓN POSTERIOR
Ao remate tivo lugar unha degustación de Cocido de Lalín preparado polos dous anteditos cociñeiros lalinenses no stand Depodeza, co patrocinio de marcas como Aceites Abril, D. O. Monterrei, Embutidos Lalinense ou Vermú Petroni.
MÁIS DE 300 ASISTENTES
Entre os asistentes a esta presentación “Los secretos del Cocido más internacional” que tivo lugar esta tarde no que é o certame gastronómico máis importante que se celebra en España e mesmo en Europa no que tamén se dan cita cociñeiros da talla de Berasategui ou os irmáns Roca por citar dous exemplos, destacaron José Ramón Ónega (delegado da Xunta en Madrid), o cociñeiro lalinense Siro que -cociñeiro do Hotel Araguaney de Santiago-, Manuel Seijas, Tomás Pereira e Rafael Abeledo. Seguiron a ponencia un público de máis de 300 persoas, ademais das que estiveron circulando polo recinto.
ÉXITO DOS COCIÑEIROS DEZAOS
Ao longo do día tivo lugar no stand Depodeza de Madrid Fusión degustacións varias con gran éxito entre os asistentes e que foron elaboradas por cociñeiros dezaos que demostraron o alto nivel que se exixe nesta certame gastronómico internacional.
Concretamente, Alba Varela de Restaurante Casa Achacan presentou “A defensa de Casa Achacan”, cañas fritas recheas de chourizo con garabanzos e verdura con “cacheira”, acompañadas de castañas en almíbar de licor de “toxo” e viruta de chourizo de cebola.
Álvaro Sánchez de Casa Sánchez preparou di sum de cochinillo asado con demiglace de piña, galleta de castaña e crema de vainilla con lácteos de Deza. E Ana Buján de Restaurante El Asturiano presentou pastel de chocolate con cervexa negra.











