Cores Tourís traslada as estratexias de competitividade da Xunta aos responsables da Cámara de Comercio de Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraTui
A-
A+
Cores Tourís na visita á Cámara de Comercio de Tui

Cores Tourís na visita á Cámara de Comercio de Tui

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a Cámara de Comercio de Tui onde mantivo un encontro cos responsables da mesma para trasladarlle as estratexias de internacionalización e competitividade da Xunta de Galicia. Na visita estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

Cores Tourís recordou que en relación á estratexia de internacionalización da Xunta de Galicia, o obxectivo é destinar 50 millóns para facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial, “consolidando así a recuperación económica”.

Entre os obxectivos do plan, explicou o delegado territorial, atópase o aumento do número de empresas exportadoras en máis dun 25% e o incremento da participación da exportacións no PIB galego ata o 40%.

“Esta iniciativa englóbase no marco da Axenda da Competitividade Industrial Galicia Industria”, engadiu Cores Tourís. “A través desta iniciativa promoverase a formación en idiomas de contido comercial, activarase un programa de mentorización e tutelaxe das grandes empresas galegas implantadas con éxito en mercados exteriores e activaranse catro antenas comerciais en Perú, Dubai, Canadá e Alemaña”.

Tamén se porán en marca 12 plans operativos sectoriais específicos para as áreas estratéxicas da economía galega: agro-industria, mar-industria, naval, automoción, pedra natural, enerxías e téxtil, entre outras. “O Igape será o encargado de definir, coordinar e realizar un seguimento continuo destas políticas de internacionalización”, matizou pola súa banda o xefe territorial de Economía, Ignacio Rial.

Ademais, Rial tamén destacou a axenda para a modernización da industria galega que ten como obxectivo crear 50.000 empregos ata o ano 2020. “A través de 5 eixos de actuación e 60 medidas específicas a axenda Galicia-Industria 4.0 busca potenciar unha industria competitiva, diferenciada e xeradora de emprego de calidade, modernizando a industria a través da innovación e establecendo novas fórmulas de produción e fabricación de produtos diferenciados”, explicou o xefe territorial.

Entre as principais medidas que recolle a Axenda destacan as facilidades promovidas para o acceso ao solo industrial, cunha baixada no custo do metro cadrado de solo industrial, así como a activación de novos programas de financiamento entre os que destaca unha liña de apoios que priorizará os proxectos orientados cara a fábrica intelixente.

Gumersindo Alonso, presidente da Cámara de Comercio de Tui, agradeceu a visita do delegado territorial para explicar as novas políticas de desenvolvemento empresarial da Xunta, destacando que “xa recibimos varias solicitudes de empresarios para coñecer estas iniciativas. O importante é que os nosos empresarios comecen a perdelo medo de saír ao estranxeiro e de estar nos mercados e países que máis lles interesa, en especial tendo en conta que os nosos principais motores económicos nesta comarca son o automobilístico, a hortifloricultura, o granito e o sector vitivinícola”.

Para Alonso, a Xunta de Galicia “tivo un gran éxito con estas iniciativas, en especial, tendo en conta que os plans xurdiron dunha política de diálogo e colaboración cos axentes implicados e con tódolos sectores”.

O presidente da Cámara de Comercio de Tui aproveitou a visita do delegado territorial para trasladarlle varias das demandas dos empresarios e comerciantes de Tui. Deste xeito, destacou a necesidade de solucionar o nó de acceso ao polígono de Areas así como o cambio de usos do mesmo para a potenciar a venda de parcelas, así como unha mellora na conservación e mantemento dos polígonos de As Gándaras e As Granxas e a gratuidade do tramo da AP-9 ata O Porriño, “para que ese pequeno tramo sexa máis usado, dando vida ao entorno”. A maiores tamén solicitou o apoio da Xunta ao plan de viabilidade da Cámara tudense.

10 de febreiro de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.