publicidade hoxe

Cores Tourís supervisa o acondicionamento do camiño das Groxas en Cordeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraValga
A-
A+
Cores Tourís en Valga

Cores Tourís en Valga

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Valga para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, José María Bello Maneiro, as obras de acondicionamento do camiño das Groxas no lugar de Laxes, na parroquia de Cordeiro.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Deste xeito, Cores Tourís asegurou que o municipio executou, nunha primeira fase, traballos de acondicionamento deste sendeiro para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aportou unha axuda global de 20.000 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello de Valga aportou o 21% correspondente ao IVA da obra, co que o investimento global roldou os 24.200 euros.

O delegado territorial destacou que acaba de facerse pública a concesión da segunda fase destas axudas de cara ao presente ano. Esta colaboración da administración autonómica cos concellos con Rede Natura ven a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas, en concreto 30, investiranse case 676.000 euros en diversos proxectos se temos en conta non só a axuda destinada pola Xunta de Galicia para estes municipios senón tamén a IVA que eles asumen”.

Segundo explicou, estas subvencións destinaranse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.

“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas”, asegurou Cores Tourís, “a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.

Cores Tourís destacou que dende a administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar tamén o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.

En relación ao proxecto que realizou o concello de Valga, e co que continuará este ano grazas a segunda fase da subvención recentemente aprobada, o alcalde matizou que o obxectivo dos traballos foi acondicionar un camiño no lugar de Laxes, na parroquia de Cordeiro, que discorre dende o vial paralelo á vía do tren ata un paraxe denominado Agroxas.

Trátase dun camiño tradicional de 410 metros de lonxitude. “Esta vía atopábase en moi malas condicións, impedindo o acceso e provocando desta forma o desuso do solo”, explicou Bello Maneiro. Ademais, deste xeito tamén se engadirá valor a un elemento arqueolóxico recentemente localizado de grande importancia para a historia de Galicia, o denominado Agro de Xaz, de época romana, tamén coñecido como Mercado dos Mouros.

Sobre este agro, segundo explicou o alcalde de Valga, existen numerosas lendas e folclore asociado, relatado pola poboación local e os donos dos terreos circundantes. Os restos de época romana que se localizaron durante a escavación arqueolóxica fan supoñer da existencia dun asentamento habitacional de clara adscrición romana. A proximidade ao río faille supñer funcións portuarias, dentro do tráfico comercial de ascenso polo tramo baixo do Río Umia, cun destino último do porto de Pontecesures-Iria de cara a penetrar as mercadorías pola antiga vía romana XIX cara ao interior de Gallaecia.

26 de febreiro de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.