publicidade hoxe

Conde destaca o polígono de Cambre como unha das áreas empresariais máis dinámicas da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCambre
A-
A+
Conde na visita ao parque empresarial de Cambre

Conde na visita ao parque empresarial de Cambre

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a súa visita ao parque empresarial de Espíritu Santo, a importancia do seu empresariado como motor económico do concello. Neste sentido, Conde visitou o polígono onde mantivo un encontro coa asociación de empresarios, e resaltou o dinamismo empresarial da área, que ten contribuído a impulsar o crecemento e a competitividade das súas empresas.

O titular de Economía e Industria, que estivo acompañado pola delegada territorial, Belén Do Campo, e polo alcalde de Cambre, Manuel Rivas, destacou que nesta mellora competitiva empresarial inflúen os servizos e infraestruturas dispoñibles. Por este motivo, nos últimos 6 anos a Consellería ten destinado máis de 550.000 euros a distintas actuacións de mellora no parque empresarial, facilitando á renovación da rede de saneamento e a mellora dos seus principais viais, a dotación dun sistema de alarma e de redes inalámbricas para mellorar as súas comunicacións, ou a instalación dun control de xestión enerxética.

Este esforzo, explicou o conselleiro, redunda en beneficio da economía local e contribúe á fixación de tecido industrial, para o que avogou por manter o compromiso coa innovación, a competitividade e a internacionalización das empresas.

Nesta procura de novos mercados, Conde lembrou a viaxe que vén de realizar xunto ao presidente do Goberno galego por México, Perú e Colombia, de cara a explorar novas oportunidades de negocio para as empresas galegas. “O obxectivo é claro, que a mellora competitiva das nosas empresas poida ter unha repercusión directa nos mercados internacionais”, incidiu.

Neste sentido, o esforzo do tecido empresarial, coa colaboración da Xunta, ten contribuído a que provincia da Coruña acadase nos dous últimos anos, por primeira vez na súa historia, un saldo comercial positivo superando os 830 millóns na súa balanza comercial.

“Os empresarios queren seguir traballando neste eido, e queren seguir traballando na mellora das infraestruturas identificando novas oportunidades”, sinalou o titular de Economía e Industria. Para isto, explicou, estase a traballar desde a Consellería, reforzando a colaboración institucional co Concello de Cambre. Un esforzo conxunto que ten permitido mobilizar preto de 17 millóns de euros no municipio a través de diferentes actuacións que contribúen ao seu desenvolvemento económico e social.

20 de febreiro de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.