publicidade hoxe

Conclúen as obras de urbanización na rúa Bernardo Sagasta de Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez na visita a Cuntis

Ethel Vázquez na visita a Cuntis

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o remate das obras de urbanización da rúa Bernardo Sagasta na localidade pontevedresa de Cuntis, unha actuación que contou cun investimento de preto de 400.000 euros, que suporá un beneficio para os veciños desta vila ao lograr que esta vía sexa máis segura e transitable tanto para peóns como para vehículos.

Ethel Vázquez visitou as obras en compañía do delegado territorial da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, unha actuación que supuxo a mellora dun treito da estrada PO-220 ao seu paso polo concello de Cuntis.

As obras consistiron na modificación do reparto da sección transversal, habilitando beirarrúas con anchos axeitados, zona de aparcadoiro e un carril coa anchura recomendable; e a reordenación da circulación do tráfico mediante a supresión dun sentido de circulación (mantense como sentido único o de saída).

A responsable de Infraestruturas da Xunta de Galicia remarcou que como esta rúa Bernardo Sagasta atópase no núcleo histórico de Cuntis, o seu acondicionamento redundará directamente no benestar dos seus preto de 5.000 habitantes, pero tamén no desenvolvemento económico e turístico deste municipio, que conta con importantes recursos termais.

Vázquez destacou que “con esta actuación o Goberno galego atende unha demanda histórica dos veciños de Cuntis e pon de manifesto o compromiso de poñer ao servizo dos galegos infraestruturas máis cómodas, seguras e mellor integradas desde o punto de vista ambiental: infraestruturas e equipamentos que inciden de xeito directo na dinamización da economía e do turismo nas nosas vilas”.

Outras actuacións

A conselleira de Infraestruturas tamén salientou outra actuación de gran importancia nesta zona como é a mellora da rede de saneamento, unha obra na que a Xunta inviste 1,4 millóns de euros e que está incluída no Plan Umia, un ambicioso programa que recolle actuacións de saneamento e depuración dos núcleos situados na ribeira do Umia por valor de 22,45 millóns de euros.

20 de febreiro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.