Concello da Estrada e Sanidade asinan un protocolo de colaboración para definir a ubicación dun centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o alcalde da Estrada, José Carlos López, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para definir o posible emprazamento dun novo centro de saúde e estudar os elementos esencias para a concreción final do proxecto.

O obxectivo deste acordo é acadar unha mellora dos servizos para a poboación e un incremento da accesibilidade á oferta de servizos sanitarios no concello.

Neste eido, para a elaboración do programa funcional constituirase un grupo de traballo, composto por representantes de cada unha das partes, ademais dunha Comisión de Seguimento paritaria que interprete e asegure o bo fin e cumprimento deste Protocolo.

O centro actual, que presta servizos a máis de 21.000 cidadáns, é un centro de saúde pioneiro na implantación da e-consulta con varias especialidades do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; conta con historia clínica electrónica única e compartida con todos os profesionais sanitarios; e con acceso electrónico a resultados de probas diagnósticas, analíticas e imaxe dixitalizada.

Ademais, dispón de programas de prevención de úlceras por presión, mans limpas, erros de medicación, prevención de interaccións farmacolóxicas en pacientes polimedicados ou de tratamento da dos crónica. Tamén ten implantado o sistema SINASP de notificación de eventos adversos; facilita a xestión informatizada de queixas e reclamacións, de documentación clínica, citación de centro e hospital, elección de médico de familia ou pediatra, tarxeta sanitaria e traballo social; e está acreditado para a formación de MIR e o programa de confirmación continuada, participando e impulsando varios proxectos de investigación e numerosas publicacións.

Por este motivo, “cómpre mellorar as condicións e a dotación material destes excelentes profesionais”, subliñou Mosquera, que tamén quixo agradecer o seu traballo “logrando converter o centro en todo un referente nacional” e que se demostra cos diferentes galardóns que recibiron nos últimos tempos.

25 de febreiro de 2015 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.