publicidade hoxe

Concello, AGA e entidades veciñais comezan as charlas polas parroquias sobre a vespa velutina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A vespa velutina nigrithorax continúa estendéndose pola comarca. A partir de agora e ata inicio da primavera, as raíñas criadas o ano pasado empezarán a saír do seu letargo para fundaren novas colonias. Ese será un dos mellores momentos para atacar a praga. O Concello e maila AGA buscan a máxima implicación veciñal na loita contra a velutina e por iso esta tarde inician un calendario de charlas informativas polas parroquias do territorio.

A primeira delas celebrarase hoxe xoves a partir das 19.00h. no local social de Santa Mariña do Monte, precisamente na parroquia en que se localizaron as primeiras colonias de velutina da comarca hai case dous anos. Mañá venres á mesma hora a charla celebrarase en Igrexafeita, o luns en Naraío e, máis adiante -o 20 de marzo- haberá outra no local social de Ferreira.

A razón principal de concentrar as charlas nesas datas é a de buscar a implicación veciñal na loita activa contra as avespas asiáticas desde o comezo do seu ciclo vital. Cómpre lembrar que para atallar o problema só hai dúas solucións: matar as raíñas a finais do inverno mediante trampas para que non creen novas colonias e, por outra banda, destruír durante o verán-outono todos os niños que se localicen, impedindo desta maneira que haxa novas raíñas o ano que vén.

Tanto nun caso coma no outro é imprescindible a colaboración da xente, especialmente de colectivos como asociacións veciñais, entidades de caza e pesca, madeiristas e persoas relacionadas coa apicultura. En Galicia a defensa contra a avespa asiática está supervisada pola Xunta de Galicia a través da empresa Tragsatec, que ten previsto distribuír trampas entre quen queira colaborar na prevención.

Ante calquera avistamento dunha colonia débese chamar ao teléfono 012, aínda que entidades coma a AGA tamén están levando a cabo unha guerra paralela contra esta invasión que acaba coas colmeas. Un problema, o da morte das colmeas, que lle afecta á apicultura pero tamén ao ambiente, posto que as abellas son as maiores polinizadoras da natureza.

San Sadurniño foi dos primeiros concellos que alertou sobre a invasión da avespa asiática e tamén un dos que empezou a moverse para sensibilizar a poboación sobre a súa dimensión. En catro anos as avespas estendéronse desde a fronteira con Francia ata o norte de Portugal e o 2014 foi o ano da multiplicación en Galicia, especialmente na zona norte das provincias de Lugo e A Coruña. No noso concello a primeira colonia detectouse en 2013 en Santa Mariña do Monte. Pero no ano que acaba de rematar constatouse a súa presenza en Naraío, Igrexafeita, Ferreira e Bardaos, lugar este último onde as avespas apareceron xusto ao pé dunha vivenda.

26 de febreiro de 2015 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.