Comezan novas actividades culturais e deportivas do programa municipal da Laracha
Ao longo do mes de marzo comezarán a desenvolverse as últimas actividades incluídas no programa municipal de propostas culturais, deportivas e de aproveitamento do tempo libre que o Concello da Laracha puxo en marcha no pasado mes de novembro e que finalizará en maio.
A maioría das disciplinas que se iniciarán durante o próximo mes van dirixidas a persoas adultas. Como principal novidade cabe salientar os obradoiros de cupcakes e galletas que se realizarán o sábados pola tarde no centro sociocultural de Lendo. Esa mesma instalación albergará o curso de cociña, que se vai desenvolver en dúas quendas (luns e martes), ambas en horario de 19:30 a 21:00 horas.
Outra das novidades serán os cursos de tenis que se ofertan tanto a nenos (dúas quendas por grupos de idade) como a adultos (dúas quendas, diferenciando iniciación e perfeccionamento). En todos os casos realizaranse no pavillón municipal de Paiosaco os xoves pola tarde.
Os cursos de pádel a realizar nas pistas do complexo deportivo municipal da Laracha serán o venres pola tarde no caso das quendas dos nenos e os sábados pola tarde para os adultos.
O inicio da actividade da aquagym coincidirá coa reapertura da piscina municipal da Laracha, prevista para o mes de marzo. Desenvolverase en horario de mañá en datas aínda por confirmar.
Salientar tamén o inicio dos cursos de arte floral nas parroquias de Caión (luns e mércores), Erboedo (martes e xoves), Cabovilaño (martes e xoves) e Montemaior (luns e mércores) e o de ximnasia de mantemento en Lemaio (mércores e venres)
Para todas estas propostas aínda quedan prazas dispoñibles. As persoas que desexen anotarse deben facelo acudindo ao Concello da Laracha en horario de oficina. É requisito imprescindible estar empadroado no municipio. As cotas de inscrición son moi reducidas, existindo descontos a partir da segunda actividade e tamén para as persoas maiores de 65 anos de idade, menores de 18 anos, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego.











