Comezan en Santiago os obradoiros coas empresas para participar no proxecto “Provincia da Coruña, destino de Turismo Industrial”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+

A Deputación da Coruña celebrou hoxe en Santiago os primeiros obradoiros de traballo nos que participaron os responsables das empresas interesadas e seleccionadas para participar na marca Provincia da Coruña, destino de Turismo Industrial.

O proxecto, froito dun convenio entre a Deputación da Coruña e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI), leva por título “Mellora da competitividade das peme vinculadas ao sector turístico, preferentemente ao turismo industrial”, e conta co financiamento tamén do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Desenvolverase integramente na provincia da Coruña.

O obxectivo é crear un novo produto turístico focalizado no turismo industrial e converter esta provincia e as súas empresas nun referente nacional e internacional neste sector.

Tras unha primeira fase de análise, captación de empresas e estudo do territorio e os seus recursos, arrinca agora unha segunda etapa do proxecto na que se desenvolverán unha serie de obradoiros e xornadas individualizadas sobre innovación turística, co obxectivo de asesorar ás empresas que manifestaron o seu interese en formar parte deste proxecto.

Os segmentos sobre os que se está traballando e ao redor dos cales virarán os distintos produtos turísticos industriais son: Camiños de Terra e Auga; o Mar e os seus Oficios; Construíndo o cotián; Reinventando a alimentación; e Natureza e Enerxía.

Nos talleres participarán un total de 52 empresas das 68 seleccionadas en toda a provincia. Todas elas son peme industriais con posibilidades ou interese en desenvolver  visitas turísticas e obter así un retorno económico vinculado coa explotación turística.

Con estes talleres e consultorías, a Deputación busca trasladar ás empresas a necesidade de crear un produto de turismo industrial competitivo e de calidade e que contribúa a dinamizar e aumentar a rendibilidade económica e social da provincia da Coruña a través da activación dos recursos turísticos territoriais do medio rural.

Ademais destes obradoiros, xa se está traballando na creación dunha plataforma web de difusión turístico – industrial e unha aplicación móbil na que se mostrará o novo produto Turismo Industrial na Provincia da Coruña.

As xornadas de formación continuarán mañá pola mañá na sede da Deputación da Coruña.

9 de febreiro de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.