Comezan en Pontevedra as III Xornadas ‘O Entroido de Galiza’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O coñecemento das diversas manifestacións do Entroido en distintos lugares de Galicia e a divulgación desta riqueza cultural para que se valore adecuadamente e se garanta a súa pervivencia son os obxectivos das III Xornadas sobre o Entroido de Galiza que organiza a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), en colaboración co Concello de Pontevedra. Celebraranse no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) a partir de mañá, venres 27, e ata o sábado 28, con diversas charlas en horario vespertino. No CITA tamén se poderá visitar nesas mesmas datas, en horario de 11:00 a 21:30 horas, a exposición “O Entroido en Galiza”, que contará con fotografías, vestimentas e complementos das distintas modalidades do Entroido galego, ademais de materiais inéditos que farán desta exposición un dos principais atractivos das xornadas. Haberá sesións guiadas ás 17:00 horas, a cargo do secretario da SAGA, Miguel Losada.

A apertura das xornadas será mañá ás 18:00 horas coa lectura -por parte do presidente da SAGA, Rafael Quintía- das actas das xornadas do ano pasado. A primeira conferencia, ás 18:30 horas, será de Xosé Fuentes Aldea, sobre “A Corrida da Rosca”, una forma de Entroido tradicional da parroquia pontevedresa de Campañó. Seguiralle ás 19:00 horas Héctor Delgado, cunha ponencia titulada “O bombo no Entroido de Laza”. Na terceira charla participará Carlos Ares, para falar sobre “Cen anos de Entroido en Viana do Bolo”. A primeira parte das xornadas rematará ás 21:00 horas, cunha mesa redonda entre os ponentes e un coloquio co público. O sábado 28 retomaranse as sesión ás 18:30 horas coa presentación do libro “A danza dos labregos: estudo do Entroido de Marcón”, de Xosé Anxo Rosales.

Seguiralle ás 18:45 horas a presentación de “Os Xenerais da Ulla: unidade didáctica para educación infantil e primaria”, por Carmela Sánchez, de ETNOGA. “Pinténs: Entroido no Hío” é o lema da intervención de Xerardo Santomé, ás 19:00 horas. Ás 20:00 horas será a quenda de Suso Fariñas para falar do “Entroido na Limia”. Ás 21:00 horas haberá unha mesa redonda con coloquio e, ao seu término, unha actuación musical de Carmen Gallego (violín e nyckelharpa) e César Loureiro (zanfona).

26 de febreiro de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.