Cinco finalistas optan ao premio Cociñeiro do ano 2015 do Fórum Gastronómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Fórum Gastronómico e La Voz de Galicia organizan, por segunda vez, o premio Cociñeiro do Ano que quere recoñecer a estes profesionais novos que teñen en común a utilización de produtos de proximidade, o respecto pola terra e a súa relación cos pequenos produtores.

Os finalistas son Alberto Lareo (Manso, Santiago), Gorka Rodríguez (Pulpería de Melide, Coruña), Iñaki Bretal  (Eirado da Leña, Pontevedra), María Varela (Parada das Bestas, Lugo) e Nacho Rodríguez (Gastromanía, Palmeira).

No portal web www.cocineirodoano.com pódese votar aos distintos candidatos, ata o día 10 de marzo. Entre todos os participantes sortearase unha comida, para dúas persoas, en cada un dos restaurantes nomeados.

A entrega de premios terá lugar o domingo 15 de marzo, primeira xornada do Fórum Gastronómico, no Auditorio do evento que se celebrará en ExpoCoruña. Cada un deles elaborará unha receita en directo.

Un xurado de expertos no sector foi o encargado de seleccionar aos cinco candidatos, pero será o voto na web quen escolla ao ‘Cociñeiro do ano Fórum Gastronómico Coruña 2015’.

O Fórum Gastronómico celebrarase do 15 ao 17 de marzo, cun nutrido programa de actividades e unha feira coas mellores empresas do sector enogastronómico. A cita tamén se vivirá intensamente na cidade da Coruña, a través do Fórum Cidade.

17 de febreiro de 2015 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.