CIG e a oposición compostelá piden a devolución das subvencións investigadas en Santiago tras a condena a De la Fuente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O sindicato CIG e os grupos da oposición no Concello de Santiago reclamaron este xoves ao goberno local que “xestione a devolución” das subvencións concedidas ás asociacións veciñais de Vidán e Verdía investigadas no caso das facturas falsas, polas que foi condenado o exedil popular Juan de la Fuente.

En senllas roldas de prensa, tanto o sindicato, parte denunciante, como os voceiros de PSOE e BNG, analizaron a sentenza do Xulgado de Instrución número 2 de Santiago que, polo procedemento de xuízo rápido, condenou ao exedil por falsificar documentos na solicitude destas axudas.

En concreto, na sentenza, aceptada por conformidade, considérase a Juan de la Fuente autor “penalmente responsable dun delito de falsidade”, despois de que o edil recoñecese en sede xudicial falsificar documentos para que as asociacións de Verdía e Vidán obtivesen en 2013 subvencións por valor de 2.000 e 900 euros.

Ademais de presentar facturas por material que non chegou a adquirirse, De la Fuente -que formaba parte da asociación de Vidán-, utilizou o nome doutra persoa para solicitar unha subvención, dado que o presidente da asociación non recoñeceu a súa sinatura nos documentos.

Como consecuencia destes feitos, o xulgado condenou a Juan de la Fuente a 16 meses de prisión e multa de seis meses a razón de 10 euros diarios, nunha sentenza firme. Non obstante, a defensa do exedil solicitou que se conmutase a pena de cárcere por multa, polo que foi condenado a un total de 38 meses de multa, uns 11.500 euros.

AUSENCIA DO GOBERNO

En rolda de prensa, o responsable do a CIG no Concello de Santiago, Xabier Picón, congratulouse pola sentenza ao tempo que chamou a atención polo feito de que o Concello de Santiago non se presentase en ningún momento como parte prexudicada neste caso cando “as evidencias eran tan grandes”.

Neste sentido, e en referencia ao caso do exedil Adrián Varela, Picón criticou que a casa do concello “non teña reparo” en “pagar con fondos públicos a defensa dun concelleiro imputado”, pero que “nin compareza” nun caso que afecta á utilización fraudulenta de fondos públicos municipais. “Este goberno ten unha forma moi peculiar de entender o interese xeral”, apuntou.

Paralelamente, Picón criticou que o goberno local non fixera aínda “ningún trámite” para “xestionar a devolución” do diñeiro adxudicado coa documentación falsificada e pediu que se dean pasos neste sentido.

FUNCIONARIO APARTADO

Así mesmo, mencionou a situación vivida polo funcionario Miguel Vilariño, a persoa que detectou erros nas facturas achegadas polas asociacións e que chegou a denunciar “acoso” por parte de Juan de la Fuente para que non dese a voz de alarma. Naquel momento, recordou a CIG, o goberno local tratou de “desacreditar” este funcionario e chegou a suxerir que a denuncia podía ter relación coa súa vinculación ao BNG.

“Agora queda acreditado onde estaba o auténtico delincuente”, apuntou Xabier Picón, que reclamou que o goberno local “pida unha desculpa” a este funcionario e le “restableza o seu bo nome”.

O responsable da CIG no concello recordou que unha sentenza do pasado mes de xullo dá a razón a Miguel Vilariño e obriga a casa do concello a repoñelo no seu posto de traballo en Relacións Veciñais, dende onde foi trasladado á UMAD tras a denuncia polas facturas falsas.

Non obstante, Picón criticou que o concello non dera aínda “cumprimento” a esta sentenza e que, a maiores, decidira recorrela. “Iso non é devolverlle o bo nome a Miguel Vilariño”, lamentou.

ACUSAN O GOBERNO DE “ENCUBRILO”

Tamén o voceiro local do BNG, Rubén Cela, compareceu en rolda de prensa para analizar esta sentenza e acusou o goberno do PP de non denunciar por si mesmo esta situación e de “encubrilo” unha vez que se fixo público.

Neste sentido, Cela considerou que o goberno de Santiago foi “dende o primeiro momento plenamente consciente” das irregularidades, pero que, “en vez de perseguir o culpable, cargou contra un traballador do concello e contra a oposición”.

Rubén Cela recordou que o BNG local foi “o primeiro en pedir o cesamento fulminante de Juan de la Fuente” tras coñecer os feitos e o impulsor dunha comisión de investigación que concluíu que as facturas foran falsificadas e que acontecera unha suplantación de identidade.

Ao mesmo tempo, lamentou que as cuestións de legalidade do concello denunciadas pola oposición “se teñan que acabar dirimindo na xustiza ordinaria” ante o “abuso de poder” do PP. Entre estas cuestións mencionou o caso do pagamento da defensa de Adrián Varela -que levou á inhabilitación de toda a Xunta de Goberno Local- ou os cambios de secretario, interventor e xefe de Urbanismo, anulados pola xustiza.

O voceiro local do BNG pediu ademais ao alcalde, Agustín Hernández, que “pida desculpas públicas” tanto ao funcionario Miguel Vilariño, que “foi difamado”; como “á cidadanía de Santiago”, por “toda esta sarta de mentiras”.

Así mesmo, considerou que o PP local debería ser que “pagase todos os gastos” derivados do proceso xudicial e reclamou que se devolvan as subvencións obtidas neste proceso.

ACCIÓN DE RETORNO

O voceiro local do PSOE, Francisco Reyes, apostou por que a Xunta de Goberno de Santiago inicie un procedemento de “acción de retorno” para que o diñeiro destas subvencións volva ao concello sempre que conte con informe favorable da asesoría xurídica.

Do mesmo modo, reclamou tamén que Miguel Vilariño “retorne” ao seu posto en Relacións Veciñais e asegurou que o funcionario “está a sufrir a situación de absoluta falta de criterio do goberno local cara aos empregados públicos”.

Segundo explicou Reyes, o PSOE de Santiago pediu no seu momento ao goberno que “suspendese as funcións” a Juan de la Fuente mentres que esclarecía a súa implicación no caso, algo ante o que “o PP non fixo caso”. “O único que dixo é que a oposición estaba a perseguir ao goberno”, recordou.

“Agora estase a ver que non é así”, apuntou o voceiro socialista local, que criticou tamén a actitude do goberno de Santiago “recorrendo sistematicamente” as sentenzas no seu contra para “alongar” os procesos.

26 de febreiro de 2015 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.