CC.OO. protestará en Vigo coincidindo coa convención de Abanca
Comisións Obreiras (CC.OO.) convocou unha concentración de delegados este venres 13 en Vigo, coincidindo coa celebración da convención anual de Abanca, para protestar contra a aplicación de medidas sobre horario e xornada que, segundo asegura o sindicato, “non figuran no acordo”.
A central afirma que as devanditas medidas “distorsionan o asinado” o pasado 26 de decembro por esta organización, UGT e Csica. Estas dúas últimas, non obstante, desmarcáronse da mobilización ao entender que non é o momento propicio para expoñer o seu malestar.
O voceiro de CC.OO. na entidade, Luis Mariño, en declaracións, explicou que na reunión da comisión de seguimento do pasado 19 de xaneiro, no que estaban presentes os tres sindicatos, xa se detectaran estes “problemas”.
Por iso, precisamente, o banco fixou para este martes un novo encontro, que finalmente foi posposto para este mércores, ás 17,00 horas, aínda que Mariño recoñeceu que “non espera moito” deste, posto que xa “hai feitos consumados”, como a colocación de adhesivos nas oficinas.
“Algúns albergabamos esperanzas de que coubesen posibilidades de corrección, pero ultimamente os feitos consumados nesta empresa atropélannos”, expresa Comisións nun comunicado.
Ao respecto, o sindicalista concretou que se abren pola tarde oficinas de empresa “que non estaban recollidas en acordo”. “Tamén se acurtaron” os tempos entre o horario laboral e o comercial, de modo que “entras apertado” e, “de facto, se aumenta a xornada”. Por outra banda, nos servizos centrais establecéronse “horarios diferentes” do formulado inicialmente, segundo afirmou este voceiro.
“Todos crían que había que facer algo”, destacou, en canto ao posicionamento dos sindicatos, sobre o que aclara que non ten nada que dicir”, ao respectar a postura adoptada por UGT e Csica, aínda que lamenta “que non estean”.
POLA MAÑÁ, NO MAR DE VIGO
A convención de Abanca prevista para este venres é un encontro interno no que a entidade financeira reunirá os seus directivos para analizar estratexias e cuestións comerciais relacionadas co negocio.
Está convocada para as 11,30 horas no Auditorio Mar de Vigo e, a diferencia da celebrada o pasado 21 de xuño no Coliseum da Coruña — na que o presidente de Banesco, Juan Carlos Escotet, congregou a todos os traballadores — non ten un carácter extraordinario senón que responde a unha cita anual habitual, segundo informan fontes da entidade.











