Catro departamentos traballan na obra complementaria á ampliación do hospital do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía está poñendo todos os medios na súa man para rematar canto antes a parte das obras complementarias á ampliación do Hospital do Salnés que se comprometeu a facer. Catro departamentos municipais traballaron onte e hoxe na zona do novo aparcamento rematando a rede de recollida de pluviais e construíndo a beirarrúa para dar servizo aos usuarios do centro sanitario.

Os operarios do servizo Municipal de Obras levan xa días traballando no acceso principal ao Hospital realizando a condución da canalización da recollida das augas pluviais derivadas do aparcamento público que está habilitando a Deputación nunha finca cedida pola empresa Fundiciones Rey. As tubarías de drenaxe xa están instaladas e a superficie para o estacionamento totalmente acondicionada, polo que a maquinaria do organismo provincial ía a comezar de inmediato ao asfaltado da mesma.

Pola súa banda, o Concello aproveita o tempo seco destes días para adiantar as obras que faltan. O goberno local chegou a un acordo cun propietario da finca lindante que cederá unha liña dos seus terreos para permitir ensanchar a calzada o suficiente para que se poida construír a beirarrúa ao aparcamento. Os operarios de Medio Ambiente encargáronse de cortar tres eucaliptos desta liña de terra e os de xardíns estaban hoxe acondicionando unha zona de céspede.
Tamén interviron nos traballos operarios do Servizo de Electricidade, posto que tiveron que trasladar un poste da luz que molestaba tras terse desprazado o eixo da estrada debido.

A concelleira de Obras, Ana Granja, estivo esta mañá na zona supervisando os traballos e informou que realizadas estas tarefas, serán os operarios de Obras os que continuarán uns días máis no acceso do hospital para construír a beirarrúa que dará acceso aos peóns dende a rotonda de enlace co vial portuario ata o novo estacionamento público.

O Concello despregou estes días numerosos efectivos na zona co obxecto de que os accesos e servizos estean rematados e en perfecto estado para os usuarios do centro sanitario, dado que o inicio das obras de ampliación do Hospital é inminente, e co obxectivo de facilitar ao máximo o acceso tanto das persoas que acoden ao Hospital como o normal desenvolvemento dos traballos de construción da nova ala.

10 de febreiro de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.