Castiñeiras discutiu coa súa familia advertíndolles que nas súas cousas non anda ninguén
A avogada defensora dos tres acusados no caso do roubo do Códice Calixtino solicitou na décima sesión, este mércores, a reprodución de fragmentos das gravacións realizadas na vivenda familiar do Milladoiro un mes antes da detención do exelectricista e nas que pode escoitarse a Fernández Castiñeiras discutindo coa súa muller e o seu fillo e advertíndoos de que nas súas “cousas non anda ninguén”.
Aínda que na primeira sesión do xuízo Carmen Ventoso había pedido a anulación destas gravacións, algo que foi aceptado polo tribunal por tratarse dunha vulneración do dereito á intimidade, na penúltima sesión reclamou que se reproduzan, alegando que esta discusión oída polos investigadores foi a que desencadeou a detención e o rexistro.
Nos fragmentos que se escoitaron na sala pódese oír unha discusión entre Fernández Castiñeiras e o seu fillo, despois de que o pai detectase que alguén entrara no despacho privado do seu domicilio, onde gardaba os documentos e diñeiro supostamente subtraídos.
Na discusión, de xuño de 2012, Fernández Castiñeiras acusa o seu fillo de entrar no seu cuarto, dado que a súa muller “non foi”, replícalle. “Aquí alguén veu”, dille. O seu fillo, pola súa banda, nega entrar e pregunta ao exelectricista se lle”faltou algo”. “Nas miñas cousas non anda ninguén”, gabia Castiñeiras.
En todo momento poden escoitarse de fondo os lamentos da muller do principal acusado, que asegura que nese cuarto só hai desperdicios e “ratos”. A audición destas gravacións afectou na sala en especial a muller do exelectricista, que comezou a chorar ao escoitalas, e evidenciou un arrefriamento nas relacións entre os tres, que parecen cada xornada máis distantes.
“NON SEI O QUE OCULTAS”
Nun momento posterior da gravación pode escoitarse ao fillo de Castiñeiras falando coa súa nai, á que di que non quere “saber nada destas cousas” e recorda a actitude do seu pai, obsesionado con que ninguén movese “a cortina” do despacho “dende pequeno”. “Non vou aguantar máis”, dille.
Para concluír, nun ton de voz axitado, o fillo do principal acusado diríxese ao seu pai para recriminarlle que “oculte” cousas no domicilio familiar e o acuse de tocar algo. “Non sei o que ocultas, xúroche pola miña vida e pola vida dos avós que non a qué ‘carallo’ escondes nin o quero saber, pero é evidente que escondes algo”, recolle a gravación. “Son papeis”, pode escoitarse por detrás unha afectada nai.











