Carmela Silva anuncia unha querela penal por calumniadores profesionais
A tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, arremeteu este luns contra a plataforma Xuntos, e outros colectivos, cuxos representantes asistiron ao pleno para pedir explicacións ao goberno local polos supostos ‘enchufes’ de familiares e achegados dos edís socialistas. Así, a concelleira do PSOE anunciou unha “querela penal” contra os que fixeron esas denuncias, aos que acusou de “calumniadores profesionais”.
Cando Carmela Silva estaba a intervir no pleno para dar conta dun informe sobre estabilidade presupostaria, foi interrompida en varias ocasións por membros da plataforma Xuntos (a que denunciou os ‘enchufes’ na Fiscalía), da Asemblea de Coia, e outros colectivos sociais e veciñais, que lle reclamaron unha explicación sobre esas supostas irregularidades, e sobre a investigación dun xulgado acerca dunha contrata municipal na que estivo empregada unha familiar súa.
“¡Fala dos enchufes, do teu cuñada!¡Queremos unha comisión de investigación!”, proclamou Pedro Larrauri, da plataforma Xuntos, quen advertiu de que “os tiranos quedan sós”.
Malia as advertencias do alcalde olívico, Abel Caballero, de que debían gardar silencio se non querían ser desaloxados, as interrupcións continuaron e Carmela Silva acabou respondendo, airada, aos que a criticaban. “¡Van ir todos a unha querela penal!”, anunciou, e advertiu de que “a corrupción está asentada” entre eses colectivos.
Así, a tenente de alcalde revelou que, entre os que o increparan, “hai persoas con ilegalidades urbanísticas”, e quen teñen “decenas de multas de tráfico sen pagar”. “Son uns calumniadores profesionais”, sentenciou.
ENFRONTAMENTOS
O enfrontamento verbal entre esas plataformas e a tenente de alcalde estendeuse tamén a outros integrantes do público que asistía á sesión plenaria. Así, unha parte dos asistentes á sesión, esgrimiu pancartas de apoio ao goberno local, e criticou a Xuntos e a outros colectivos críticos con Caballero, aos que instou a que se presenten ás eleccións e midan as súas forzas co alcalde nas urnas.
A sesión foi interrompida en varias ocasións debido ao intercambio de consignas e proclamas entre esas dúas ‘faccións’ do público. Mentres uns reclamaban unha comisión de investigación sobre os supostos enchufes, os outros lles acusaban de “puferos” e lanzaban gabas Caballero e o seu equipo.











