Carlos Negreira asina un convenio de doazón con Repsol para a mostra ‘El primer Picasso. A Coruña 2015’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá con Josu Jon Imaz, conselleiro delegado de Repsol o convenio de doazón para
El primer Picasso. A Coruña 2015, unha mostra que abrirá as súas portas o próximo 19 de febreiro no Museo de Belas Artes para conmemorar o 120 aniversario da primeira exposición que o artista realizou e que tivo como escenario a rúa Real.

O alcalde agradeceu a Repsol a súa colaboración, xa que se converte no patrocinador principal desta importante exposición que mostrará a todos os visitantes a etapa máis descoñecida do pintor pero que é imprescindible para comprender o gran xenio que chegou a ser. Neste sentido, destacou a sensibilidade da entidade e a súa rápida disposición para contribuír á difusión e organización do evento e, desta forma, permitir que o público poida gozar da maior exposición realizada na historia da etapa coruñesa de Picasso.

A conmemoración foi declarada polo Estado acontecemento de excepcional interese público, a primeira vez que sucede cun evento da cidade. A devandita declaración permite o patrocinio do programa de actividades previstas por parte de empresas que contarán con elevadas desgravacións fiscais dende o 1 de xaneiro de 2014 o 31 de decembro do 2015.

Por este motivo, nos últimos meses, o Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, presentou esta ambiciosa iniciativa ás principais empresas situadas na cidade que, como no caso de Repsol, do Banco Sabadell Gallego e a Fundación Banco de Sabadell, se implicaron e se mostraron interesadas en colaborar, de forma que a mostra non necesitará habilitar fondos públicos para a súa celebración.

A exposición El primeiro Picasso. A Coruña 2015, promovida polo Concello de A Coruña, está organizada polo Concello, o Museo de Belas Artes, a Consellería de Cultura e a Fundación Emalcsa. Contará con máis de 200 pezas, unhas 81 realizadas por Picasso, grazas á cesión de obras por parte dos museos dedicados a Picasso de París, Barcelona e Málaga e á contribución da Escola de Arte Pablo Picasso.

11 de febreiro de 2015 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.