Carballo organiza visitas guiadas cos centros de ensino á ETAP e á EDAR

Visita de escolares
O Concello de Carballo, no marco do “Proxecto Anllóns-Bardoso: posta en valor dos ríos”, organiza unha serie de visitas guiadas á ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) e á EDAR (Estación de Depuración de Augas Residuais) do municipio co obxectivo de sensibilizar aos escolares sobre a importancia destes procesos. O Concello realizará durante as próximas semanas visitas coordinadas cos centros de ensino de Carballo ás instalacións que reproducen o ciclo de auga na vila: a estación potabilizadora e a estación depuradora, co obxectivo de incidir sobre o consumo e aforro de auga.
As visitas serán desenvolvidas por educadores/as ambientais de Adega (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia), entidade que leva anos traballando o tema da auga co desenvolvemento de diferentes proxectos. O alumnado asistente poderá ver o funcionamento do ciclo da auga en Carballo, dende que o momento en que a auga se colle no río ata que chega ás nosas casas e finalmente se devolve ao río logo do proceso de depuración. Poñerase o acento na necesidade de usar este valioso recurso con responsabilidade. Tamén se fará fincapé da importancia que ten un xesto tan cotiá como é o de abrir a billa e o custo que supón para todas as persoas que viven no Concello. As visitas comezaron o mércores 25 de febreiro con alumnado do CEIP A Cristina que primeiro estiveron na ETAP e logo na EDAR.
Está previsto que todas as visitas se realicen en horario de mañá, de 10.00 a 12.00 horas, e van dirixidas ao alumnado do 3º ciclo de primaria (5º e 6º). Despois do CEIP A Cristina, os seguintes en pasar polas instalacións municipais serán o CEIP Xesús San Luis Romero, o CEIP Fogar, o CEIP Nétoma-Razo, o CPI Artai e o CEIP Bergantiños. O “Proxecto Anllóns-Bardoso: posta en valor dos ríos”, é unha actuación co financiada nun 70 por cento pola Unión Europea a través das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e que conta cun orzamento global de 4.145.796,56 euros.











