Carballo inaugura o curso de mozo de almacén organizado pola BDT
O concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, deu a benvida hoxe aos 25 participantes no curso de mozo de almacén organizado pola Bolsa de Traballo (BDT) dentro do seu Plan de Formación para o primeiro semestre do ano. Dúas mulleres e 23 homes, tod@s eles desempregad@s e usuari@s da BDT, iniciaron as 70 horas de formación teórica que se impartirán nas aulas do Fórum Carballo ata o 17 de marzo, en horario de 9 a 14.
O concelleiro de Formación e Emprego destacou a importancia da formación para mellorar as posibilidades de acceso ao mercado laboral, e sinalou que nesa dirección van as accións organizadas dende a BDT para os seus usuarios e usuarias. Neste caso o curso vai dirixido a persoas de 25 a 50 anos de idade que non teñan máis de tres anos de experiencia como mozos de almacén e con interese en traballar neste oficio.
Para realizar a selección dos e das participantes, segundo os criterios establecidos nas bases publicadas no BOP, dende a Bolsa de Traballo foron enviados un total de 401 sms convocando a os usuarios e usuarias que se inscribiron na BDT como demandantes de emprego como mozos e mozas de almacén. Á preselección acudiron 81 persoas, entre as cales foron seleccionados os 25 alumnos do curso. Os demais figuran nunha lista de agarda por se se producen baixas.
O Plan de Formación da BDT para o primeiro semestre do 2015 tamén inclúe cursos de competencias clave, hostalería, prevención de riscos e comercio. Neste último xa rematou o período de formación teórica e as 25 alumnas iniciarán nos próximos días as 80 horas de prácticas en empresas.
Contidos do curso de mozo de almacén
O principal obxectivo do curso é que o alumno desenvolva e execute de forma correcta as tarefas propias das ocupacións de mozo de almacén: preparar pedidos e expedición, condución de equipos e maquinaria de almacén, dominar a documentación específica (albarás, follas de stocks, referencias), carga e descarga de mercadorías, recepción, etiquetaxe e situación das mercadorías, fronteo e ordenamento. Neste sentido está prevista unha unidade formativa específica sobre carretas elevadoras.











