Cámara de Santiago e Traballo clausuran un programa de formación para 25 empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, clausurou hoxe o programa de creación e consolidación de empresas organizado pola Cámara de Comercio de Santiago en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, que permitiu apoiar a 25 empresas cun orzamento por parte da Administración de 9.000 euros.

Na súa intervención, Bouso indicou que este curso, de oito semanas de duración, contou cun amplo abano de relatorios de formación, asesoramento, acompañamento e seguimento, en todo o proceso de creación dunha empresa e dirixiuse a empresarios que pretenden consolidar o seu negocio, mellorar a súa rendibilidade, ou avaliar novas alternativas para a súa expansión.

Engadiu que o fomento do espírito emprendedor, mediante a promoción do desenvolvemento económico a través do sector privado, resulta unha das áreas prioritarias de intervención da política de emprego deseñada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Apuntou que “a aposta polo emprego por conta propia pode resultar unha formula válida para favorecer tanto a incorporación, como a reincorporación ao mercado de traballo das persoas que nun momento se atoparon de novo nunha situación de desemprego”.

A directora xeral sinalou que desde a Consellería de Traballo e Benestar xestionase unha batería de axudas para a posta en marcha de novos proxectos empresariais, desde a promoción do emprego autónomo, ata outras máis complexas como as societarias, sen esquecer as fórmulas de economía social, cooperativas e sociedades laborais, así como as iniciativas de emprego de base tecnolóxica cun alto compoñente de investigación, innovación e tecnoloxía.

Así mesmo, salientou que é fundamental axudar financeiramente, a través de subvencións, aos emprendedores para facilitar a posta en marcha dunha nova empresa e “para iso, ofrécense servizos de apoio e asesoramento, tanto no momento previo, como unha vez constituída a empresa, xa que é conveniente acompañar aos emprendedores nos primeiros anos da mesma para a súa consolidación e evitar a súa desaparición”.

6 de febreiro de 2015 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.