publicidade hoxe

Brión abre a Campaña de Sendeirismo con rutas polo Monte Muralla e Costa Ártabra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión ven de poñer en marcha a súa Campaña de Sendeirismo 2015 convocando dous roteiros polo Monte Muralla (Lousame) e pola Costa Ártabra (A Coruña), que terán lugar os sábados 21 de marzo e 4 de abril, respectivamente. O Concello de Brión convoca inicialmente 50 prazas para cada unha destas actividades, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 88.

Para comezar a temporada, a ruta escollida está moi pretiño de Brión, pois discorre polo veciño municipio de Lousame e que terá lugar o sábado 21 de marzo. A expedición partirá en autobús ás 9:30 horas da carballeira de Santa Minia. A ruta do Monte Muralla ten unha lonxitude de 23 quilómetros, se ben os dous últimos quilómetros de subida ao alto do monte Muralla (de 678 metros) serán opcionais. Trátase dun roteiro que discorre por montes de piñeiros, pequenos bosques de castiñeiros, acivros, salgueiros, ameneiros que nacen ao bordo dos regatos. E, segundo se vai subindo, pódese disfrutar de fermosas vistas da ría de Noia-Muros.

A segunda ruta terá lugar o sábado 4 de abril e terá como destino a Costa Ártabra, na costa ferrolán. Un roteiro de 15 quilómetros, de dificultade baixa, que destaca tanto polo seu valor paisaxístico (con lugares como a lagoa da Frouxeira ou as vistas panorámicas dende o monte Campelo) como pola posibilidade de observar distintas especies de aves no seu medio natural. A expedición sairá da carballeira de Santa Minia ás 8:30 horas e está prevista a volta pasadas as 20:30 horas..

Ambos roteiros teñen en común a cota de inscrición (8 euros cada un, que inclúen o desprazamento en autobús ata o lugar da ruta), que inicialmente se convocan 50 prazas (que se outorgan por rigorosa orde de inscrición) e que as anotacións poden formalizarse na Casa da Cultura de Brión (981 50 99 08), pechándose ambas dous días antes da realización do roteiro. Ademais, é preciso levar o xantar tipo pícnic, pois as rutas prolónganse dende a mañá ata ben entrada a tarde. Tamén se recomenda asistir con calzado cómodo e roupa axeitada á climatoloxía da xornada.

26 de febreiro de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.